OPINIÓN
Plan contra aranceis: suficiente?, por Maite Cancelo
O Goberno de España acaba de aprobar un decreto-lei de medidas urxentes de resposta á ameaza arancelaria e de relanzamento comercial. Un plan de 14.100 millóns de euros que pretende mitigar o impacto dos aranceis impostos por Trump: 7.400 de novo financiamento e o resto (6.700), de instrumentos xa existentes.
Pero estas medidas parecen insuficientes se efectivamente Trump continua co seu discurso proteccionista, xa que esa dotación de 7.400 millóns de euros corresponde a créditos que as empresas terán que devolver.
Á falta de saber o impacto real que estes aranceis poden ter sobre as nosas empresas, o que si sabemos é que as políticas desenvolvidas durante a crise da COVID-19 tamén se basearon en préstamos e avais ICO, dos cales as firmas puideron devolver o 60 % dos importes percibidos, pero máis de 44.000 empresas e autónomos rexistraron falta de pagamentos por un importe de máis de mil millóns de euros, o que pode explicar, en parte, o aumento das quebras durante o ano pasado (33,5 %), o que indica que este tipo de medidas non sempre son efectivas para manter a actividade empresarial e os postos de traballo nas crises económicas.
Ademais, as medidas recollidas para o apoio á internacionalización e procura de novos mercados son necesarias, pero os seus efectos non serán inmediatos e temos empresas moi expostas, cun 80 % da súa produción, que agora mesmo está a venderse nos EE. UU.
Por iso, é probable que sexan necesarias outro tipo de medidas complementarias, atendendo á situación particular das nosas empresas, como poden ser rebaixas fiscais e axudas directas, para paliar o efecto da posible caída de vendas producidas polos aranceis que aplique a administración de Trump.
É certo que a nosa exposición directa é relativamente reducida, xa que os 18.600 millóns de vendas cara aos Estados Unidos non chegan ao 5 % das nosas exportacións totais (e representan arredor do 1,3 % do PIB) e, ademais, como sinalan técnicos do Ministerio, os aranceis afectarían ao 80 % das mesmas, uns 14.880 millóns de euros, pero céntranse nalgúns sectores e empresas do sector agroalimentario (sobre todo o aceite de oliva e o viño), fabricación de vehículos e compoñentes, maquinaria, produtos farmacéuticos.
Outra cuestión, que sinalou en conferencia de prensa o ministro Cuerpo, é o impacto indirecto que a nosa economía pode sufrir xa que exportamos compoñentes do automóbil a países como Alemaña, cun maior grao de exposición, dada a composición das súas vendas cara aos EE. UU. e ao peso deste país nas súas exportacións.
E, máis aló destes efectos, a economía estadounidense pode entrar en recesión e, con ela, o resto das economías do mundo, ao que se podería engadir un novo aumento da inflación, co que nos situariamos no peor escenario económico, a estanflación, da que é moi complicado saír. De feito, o petróleo xa empezou a caer nos mercados, máis aló do aumento da oferta por parte da OPEP, o que adoita ser un termómetro da evolución da economía global. Por iso, máis aló das medidas que se puxeron sobre a mesa, posiblemente insuficientes e ineficaces para algunhas empresas, parece que estamos abocados a depender das presións de Elon Musk (en plena guerra con Peter Navarro, asesor de Comercio do presidente norteamericano) e, por suposto, da resposta que se dea desde a Unión Europea ou, en caso contrario, o goberno deberá reformular o seu plan se o que buscamos é a supervivencia das empresas máis dependentes desta crise e dos empregos que xeran.