Piden solucións para os cruzamentos perigosos que hai na cidade de Lugo
Dende a área de mobilidade do Concello lucense está proxectado construír rotondas en distintos puntos negros
O principal cruzamento da céntrica rúa San Roque é un dos maiores puntos negros para o tráfico na cidade de Lugo. Trátase dunha intersección onde se rexistraron varios atropelos graves nos últimos anos, ademais de colisións entre vehículos.
Outro cruzamento perigoso é o que está situado no medio do barrio da Cheda. Neste caso, denuncian que son habituais os sustos debido á falta de visibilidade. E, ao igual ca noutros puntos conflitivos, demandan a instalación de semáforos.
Outra posible solución pasa pola construción de rotondas. De feito, dende a área de mobilidade do Concello de Lugo están proxectadas varias en distintos puntos da cidade. É o caso do cruzamento da rolda de Fingoi con Afonso X, onde xa están a traballar nunha mellora que permitirá a retirada dos semáforos.
Unha rotonda xa rematada, que permitiu reducir sensiblemente a sinistralidade, foi a construída na rúa Santo Eufrasio.
