Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden conservar un castiñeiro centenario derrubado en Burela

Piden conservar un castiñeiro centenario derrubado en Burela

O temporal Karlotta arrincou a árbore hai semanas, e dende aquela ocupa un camiño

O exemplar ten un gran valor simbólico para a veciñanza do barrio máis antigo da vila

O Concello burelao avalía varias posibilidades para lle dar unha segunda vida

Félix Aragunde 28/02/2024 20:47 Última actualización 28/02/2024 20:57

Unha árbore centenaria leva semanas derrubada en Burela. É o castiñeiro do Río da Vila, que tirou abaixo o temporal Karlotta. Os veciños da contorna considérano un emblema do seu barrio, o máis antigo deste concello mariñao.

Tanto para a veciñanza como para os turistas, esta árbore tiña un especial significado. Uns recórdana de toda a vida neste lugar, mentres que outros paraban ao seu carón para descansar.

Herminia Pernas, cronista oficial de Burela: "Viñan facer as reunións aquí, como punto de encontro que era. Había dous castiñeiros, un secou e só quedaba este, que era bastante senlleiro".

Os residentes na Vila do Medio piden agora que o castiñeiro sexa conservado na medida do posible. Pola súa parte, no Concello de Burela están a estudar a forma máis viable de darlle unha segunda oportunidade a esta árbore singular.

Carmela López, alcaldesa de Burela: "O que consideramos, polo que dixo o técnico municipal de Medio Ambiente e unha empresa con que falamos, era cortalo, deixar a raíz, darlle a volta para que puidese rebrotar".

En calquera caso, a solución terá que vir axiña, posto que o castiñeiro caído está a ocupar a vía pública.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar