Piden a dimisión do secretario xeral de Institucións Penitenciarias polo terceiro grao ao asasino de Lardero
Piden a dimisión do secretario xeral de Institucións Penitenciarias polo terceiro grao ao asasino de Lardero
Sindicatos de prisións denuncian que non se pode conceder o terceiro grao baseándose só na boa conduta do preso

O Partido Popular esixirá responsabilidades ao ministro do Interior na sesión de control pola concesión do terceiro grao ao asasino do neno de 8 anos en Lardero. Os sindicatos maioritarios nas prisións españolas pediron o cesamento do secretario xeral de Institucións Penitenciarias.
Denuncian que non se pode conceder o terceiro grao baseándose só na boa conduta do preso e sen facer caso dos informes profesionais que desaconsellaban a medida.
"Cando unha Xunta de Tratamento que coñece un preso dende hai 20 anos di que non pode saír en terceiro grao, non é de recibo que dende Madrid, despachándose con tres liñas nun informe, Institucións Penitenciarias pase a terceiro grao este señor", di o representante do sindicato ACIP-UXT.
O secretario xeral de Institucións Penitenciarias di que traballan baixo supervisión xudicial e que a concesión do terceiro grao se axustou escrupulosamente á legalidade.
"O fiscal considerou que, a tres anos vista e coa información que lle facilitamos, este caso non era susceptible de ser recorrido, e por iso seguiu avanzando e por iso despois a xuíza de Vixilancia lle deu a liberdade condicional. Neste feito non só intervén a institución penitenciaria", di Angel Luis Ortiz, secretario xeral de Insitucións Penitenciarias.
O secretario xeral de Institucións Penitenciarias fixo estas declaracións en Lugo, onde se manifestaron funcionarios de prisións galegos. Esixen igualdade salarial cos funcionarios cataláns e que se atendan as súas peticións de máis medios humanos e técnicos.