Piden 71 anos de prisión para un home acusado de violar tres mulleres ás que captou con anuncios de traballo nun club de alterne
Piden 71 anos de prisión para un home acusado de violar tres mulleres ás que captou con anuncios de traballo nun club de alterne
Cando quedaba con elas, convencíaas para tomar unha copa e introduciulles supostamente na bebida unha substancia que anulou a súa consciencia, e logo abusou delas
O home que senta desde hoxe no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña está imputado por seis delitos de violación agravada a tres mulleres, unha delas menor no momento dos feitos. Segundo o escrito de acusación da fiscalía, os feitos sucederon entre marzo e abril de 2023. O acusado contactaría coas vítimas a través de anuncios en que ofrecia traballo de limpeza ou camareiras para un club de alterne que ia reabrir en Ordes.
Cando quedaba con elas, convencíaas para tomar unha copa e introduciulles supostamente na bebida unha substancia que anulou a súa consciencia, e logo abusou delas. A algunha supostamente induciuna a exercer a prostitución.
Dúas das vítimas estaban citadas hoxe e a terceira está fóra do país e foi citada ao seu regreso o 8 de xaneiro. Unha cuestión que o avogado do acusado considera que vulnera o dereito de defensa e polo que pedia a suspensión.
O tribunal rexeitou o recurso e o xuízo comezou coa declaración a porta pechada e por videoconferencia das dúas vítimas que estaban citadas. A Asociación S.O.S. Racismo exerce a acusación popular. Piden máis de 100 anos de prisión ao incluír, ademais das agresións sexuais, os delitos de trata de seres humanos con fins sexuais, detención ilegal e coaccións. A defensa solicita a libre absolución.
O xuízo continuará mañá. O acusado solicitou declarar de último e farao o 8 de xaneiro na derradeira sesión do xuízo.