Pican dúas rodas e fan unha pintada no coche dunha panadeira e concelleira da Laracha
A vítima di non sospeitar de quen puido ser e a Garda Civil abriu unha investigación para poder esclarecer os feitos
Coas rodas traseiras picadas e cunha pintada cunha palabra malsoante. Así atopou o seu coche Cristina o mércores pasado, tras ser alertada por un cliente da panadería de Paiosaco na que traballa.
"Eu entro a traballar ás seis da mañá e ás sete e media un cliente dime que teño unha roda picada. Máis tarde, otro di que non é unha, senón as dúas traseiras, e que tamén me fixeran unha pintada no lado do condutor. Así que saímos mirar que pasara", explica Cristina Vieites, vítima do acto vandálico.
Non ten sospeita de quen puido ser nin tampouco do motivo que o levou a facer tal falcatruada. "Non o familiarizo co tema político porque levo 18 anos de concelleira na Laracha e nunca me pasou nada igual. E polo tema persoal tampouco", engade Vieites.
Recoñece que ao ver o seu coche, nun primeiro momento, púxose nerviosa. Pero di que de inmediato xa comezaron a chegarlle unha morea de mostras de solidariedade e cariño. "Eu son moito de redes sociais, e publiqueino por se alguén vira algo ou a alguén. E xa me comezaron a escribir dando apoio e ánimo".
Presentou denuncia perante a Garda Civil, que xa investiga os feitos. Agora o que agarda Cristina é que dean co autor ou autores para que actos coma o que ela sufriu non se volvan repetir.