Petro e Trump rebaixan as tensións e acordan reunírense na Casa Branca
"Se non se dialoga, hai guerra", manifestou Petro, quen lamentou "a incomunicación co Goberno de Trump"
Trump manifestou que foi "unha grande honra" falar co presidente colombiano
O presidente de Colombia, Gustavo Petro, nunha manifestación "en defensa da soberanía" en Bogotá, este mércores (Reuters/Sergio Acero)
A chamada telefónica que tiveron este mércores os presidentes de Colombia, Gustavo Petro, e de Estados Unidos, Donald Trump, rebaixou as tensións diplomáticas entre ambos os dous países, que se profundaron desde o sábado pasado coa detención en Caracas do mandatario venezolano, Nicolás Maduro.
Os Gobernos de Colombia e dos Estados Unidos destacaron o "ton construtivo" da conversación, que se prolongou por unha hora e puxo fin, polo menos de momento, a unha escalada verbal en que Trump mesmo afirmou que lle soaba ben facer en Colombia unha operación como a que terminou coa captura de Maduro.
Ao intervir nunha manifestación en Bogotá que convocara "en defensa da soberanía" tras as ameazas de Trump, o presidente colombiano asegurou: "No medio do debate destes dous, tres días que se desatou, hoxe traía un discurso e teño que dar outro. Iso non é fácil. O primeiro discurso era bastante duro".
Trump, pola súa banda, anunciou que se reunirá con Petro na Casa Branca e manifestou que foi "unha grande honra" falar co presidente Petro, quen o chamou para expoñer a situación relacionada co narcotráfico e outros desacordos existentes entre ambas as dúas administracións.
Temas de conversa
Petro afirmou á multitude reunida na praza de Bolívar, en Bogotá, que falou con Trump sobre varios asuntos de interese bilateral, un deles restablecer as comunicacións entre ambos os dous Gobernos, a través da Chancelería e o Departamento de Estado, que estaban interrompidas polos constantes episodios de crises na relación.
"Se non se dialoga, hai guerra. Ensinóunolo a historia de Colombia", manifestou Petro no seu discurso, en que lamentou "a incomunicación co Goberno de Trump" desde que este iniciou o seu segundo período presidencial en xaneiro de 2025.
O presidente colombiano tamén lle aclarou ao seu homólogo estadounidense que non é narcotraficante e presentoulle as cifras do seu Goberno na loita contra as drogas, á vez que destacou a colaboración que tivo co executivo de Maduro para enfrontar este flaxelo.
"Tívenlle que lanzar as cifras, poucas, as mesmas que repetín aquí de por que se me sindica (de narcotraficante) se eu levo 20 anos arriscando a miña vida, loitando contra 'traquetos' (mafiosos) de alto poder e políticos aliados deles", dixo.
Igualmente contoulle do traballo feito co Goberno venezolano para enfrontar o narcotráfico: "Faleille que con Maduro cadraramos operacións conxuntas, el alá e eu acá, no (a rexión fronteiriza) Catatumbo", onde operan a guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN), disidencias das FARC e grupos narcotraficantes.
Petro é un crítico acérrimo das operacións contra o narcotráfico dos Estados Unidos no mar Caribe e no Pacífico oriental, en que foron afundidas decenas de lanchas supostamente cargadas con drogas e onde morreron máis dun centenar de tripulantes.
Esa postura deteriorou a súa relación cos EUA, que en setembro lle retirou o visado e logo o Departamento do Tesouro incluíuno, xunto con outras persoas da súa contorna, na lista da Oficina de Control de Activos Estranxeiros (OFAC, siglas en inglés), coñecida como Lista Clinton, despois de que Trump o acusase de ser un "líder do narcotráfico".
Conversación con Delcy Rodríguez
Petro tamén informou a Trump da conversación que tivo hai dous días coa presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, a quen lle propuxo un diálogo tripartito cos Estados Unidos para estabilizar a sociedade venezolana e evitar un estalido de violencia.
"Falei tamén hai dous días coa presidenta actual en Venezuela, Delcy. A ela coñézoa desde o principio de todo isto. Convideina a Colombia. E queremos establecer un diálogo tripartito, e oxalá mundial, para estabilizar a sociedade venezolana, que como en Colombia podería estalar en violencia entre ela mesma e (que iso) non se produza", destacou.
Nese sentido, Petro manifestou que cando se reúna con Trump na Casa Branca "toca falar" desa proposta, pois "a paz de Venezuela é a paz de Colombia e viceversa".