Pepe, último muiñeiro de Marín: "Antes moíase porque había gran, agora non se sementa nada"
Mantén en funcionamento o muíño de Sequelo, un dos tantos que houbo nos ríos Loira e Lameiriña
Conta José Doval, o señor Pepe, que o muíño do Sequelo pode ter cousa de douscentos anos. Comprouno seu pai en 1935 e, dende que morreu no 1978, é Pepe o que se encarga de mantelo en funcionamento.
En tempos, o río Lameiriña movía as rodas de moitos muíños en Marín. Foi a zona de moenda máis importante do Morrazo. "Hai 50 ou 60 anos aínda había cinco ou seis muíños neste río -di Pepe- pero onde máis había era no río de Loira, había cantidade de muíños, pero están todos abandonados".
Conta que, en tempos, aqueles muíños "moían día e noite". Moían sobre todo millo e tamén centeo, pero os cultivos foron desaparecendo e o muíño, indo a menos:
"Antes todo era millo por aquí, agora nada. Antes moíase porque había gran para moer, pero agora non hai, iso todo acabouse, agora non se sementa case nada".
Así que hoxe practicamente moe só o da casa, por manter vivo o muíño. Non ten remuda, pero ten a axuda de Paco, un veciño tamén entusiasta do muíño. Xuntos foron converténdoo tamén nunha mostra para visitar, e manter a memoria deste oficio e daquela vida.