Pendentes da autopsia para poder esclarecer a morte dun home de 35 anos durante unha intervención policial na Coruña
Pendentes da autopsia para poder esclarecer a morte dun home de 35 anos durante unha intervención policial na Coruña
A familia acusa os axentes de excederse causándolle a morte
O informe policial apunta a unha morte natural
A intervención policial tivo lugar nun inmoble do barrio dos Castros a madrugada do martes. Daquela, un home, de 35 anos, chegaba á súa casa e comezou a petar nas portas e no ascensor vociferando. Os veciños alertaron a policía.
"Estabamos na casa. El ía facer un bocadillo. Chegou a policía, eu abrín a porta e el quixo saír sen coitelo nin nada. Reducírono e déronlle coa porra". "No momento en que unha persoa non se remexe e está queda, non vexo a necesidade de seguir golpeándoo, sen respirar, e con ese asañamento", comentan familiares do falecido.
Segundo o informe ao que tivo acceso a Televisión de Galicia, cando a policía chegou á vivenda viron un home que atravesaba ás présas o corredor e saíu contra os policías esgrimindo un coitelo e abalanzándose sobre eles. Nun momento dado, o home caeu ao chan e, coa intención de evitar a súa incorporación, propináronlle un golpe na sofraxe dunha das pernas. Para reducilo, segundo recolle o informe, empregaron dúas cadeas unidas e colocárono en posición de seguridade.
Mentres agardaban pola ambulancia, o home comezou a atoparse mal e a esvaercerse. É aí cando a policía intenta, sen éxito, reanimalo. O informe fala dunha morte natural. "Sentárono e xa non tiña pulso. Xa no chan estaba inconsciente". "O único que pedimos é xustiza. Non foi unha morte natural. Matárono eles", engaden.
Un xulgado da Coruña é quen se encarga da investigación. Amais, estase á espera da autopsia, que será a que axude a esclarecer o caso.