Cumio de Londres: Starmer anuncia que prepara con Francia un plan de paz para Ucraína
Zelenski advirte de que Putin é "o único interesado" en que siga a guerra
Pedro Sánchez, un dos líderes participantes no encontro, defende que un acordo de paz en Ucraína non debe premiar "a agresión de Putin"
Starmer di aos líderes que este en "un momento único" para a seguridade de Europa

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acode este domingo a unha reunión de líderes de países aliados sobre Ucraína á que tamén asiste o líder ucraíno, Volodímir Zelenski,. Antes de viaxar, nun acto en Murcia, defendeu unha "paz xusta e duradeira" en Ucraína e asegurou que un futuro acordo de paz non pode ser "á conta de premiar ao agresor de Putin".
O presidente español reafirmou o seu apoio a Zelenski e ao seu país tras o choque dialéctico no Despacho Oval co mandatario estadounidense, Donald Trump, e asegurou que as relacións internacionais do século XXI deben ser "de alianzas, non de vasalaxe".
"A época na que as relacións internacionais tiñan países soberanos e outros países súbditos acabouse. Hoxe defendemos unha orde internacional de países libres, iguais e soberanos, por iso defendemos a Ucraína da ameaza" de Rusia, matizou.
Zelenski asegura que o presidente ruso Vladimir Putin é "o único interesado" en que continúe a guerra. Por iso pediulles unidade aos aliados.
"Ninguén máis que Putin quere que siga a guerra, que se volva rapidamente á guerra. Por iso é importante manter a unidade en torno a Ucraína e reforzar a posición do noso país en colaboración cos nosos aliados: os países de Europa e os Estados Unidos", dixo.
A deste domingo é unha reunión informal de doce lideres europeos que convocou o primeiro ministro británico, Keir Starmer, para falar da situación en Ucraína, seguridade europea e, segundo informou Kíiv, sobre as garantías de seguridade para o seu país en caso dun cesamento do fogo con Rusia.
Antes do inicio da xuntanza, Keir Starmer dixo que "este é un momento único" para a seguridade de Europa e considerou vital alcanzar un bo resultado para Ucraína.
"Reunímonos hoxe porque este é un momento único nunha xeración para a seguridade de Europa e todos debemos dar un paso adiante e conseguir un bo resultado para Ucraína . É vital para a seguridade de todas as nacións aquí e de moitas outras", agregou o primeiro ministro británico.
Ademais do presidente español, participan os de Francia, Italia, Dinamarca, Países Baixos, Noruega, Turquía, Finlandia, Suecia, República Checa, Polonia, Alemaña e Romanía, aos que se sumarán a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen; o presidente do Consello, António Costa, e o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte.
Starmer anuncia un plan de paz
Horas antes do inicio do cumio, o primeiro ministro británico, Keir Starmer, dixo ue preparará un plan de paz para Ucraína xunto ao presidente francés, Emmanuel Macron, e "un ou dous países máis" que será logo abordado con Estados Unidos.
Nunha entrevista coa BBC, Starmer reclamou que unha "coalición de voluntarios" de países europeos sirva como garantía de seguridade para calquera acordo que deteña a guerra entre Ucraína e Rusia, aínda que reclamou que en calquera caso Estados Unidos ofreza unha protección última.
"Fíome de (o presidente estadounidense, Donald) Trump e sei que unha paz duradeira é o seu obxectivo", dixo, tras recoñecer que o enfrontamento do venres na Casa Branca co líder ucraíno, Volodímir Zelenski, fíxolle sentir "moi incómodo".
O británico explicou que nas súas conversas deste sábado con Trump e con Macron tras reunirse en Downing Street con Zelenski acordouse que "o Reino Unido e Francia, posiblemente cun ou dous países máis, traballarán con Ucraína nun plan para deter os combates", e despois ese plan abordarase cos Estados Unidos.
O demoledor desencontro do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, co seu homólogo estadounidense, Donald Trump, sobrevoa a reunión. Pero a previsión é que o cume exprese un respaldo total a Zelenski despois da situación vivida o venres na Casa Branca durante a súa reunión co presidente estadounidense na que este o acusou de irrespectuoso e de "estar a xogar coa terceira guerra mundial", e considerou que non estaba listo para a paz.

Sánchez e a gran maioría de líderes europeos, saíron en tromba en apoio do presidente ucraíno, e o xefe do executivo expresouse nas redes sociais: "Ucraína, España está contigo".
Starmer, que recibiu este sábado en Londres a Zelenski, buscará no cumio deste domingo impulsar a acción conxunta europea para asegurar unha paz xusta e duradeira tras a súa entrevista o xoves en Washington co presidente estadounidense, quen non quixo comprometerse a ofrecerlle garantías de seguridade para unha posible misión de paz europea en Ucraína
Buscarán como reforzar a posición de Ucraína sobre o terreo para unhas eventuais negociacións de paz, despois de que Washington ameazara con cortar a subministración de armamento a Kíiv. Encima da mesa xa non se acha só a encrucillada militar de Ucraína: os países europeos enfróntanse á maior brecha na alianza transatlántica desde o final da Segunda Guerra Mundial.
Starmer pretende desempeñar o papel de mediador entre unha Europa cada vez máis receosa da Administración Trump e unha Casa Branca que se achega ás posicións que defende Rusia, á vez que pon en cuestión o presidente ucraíno.
Pero esa posición intermedia non lle impediu a Starmer proporcionar a Zelenski unha moi calorosa benvida este sábado á súa residencia de Downing Street, onde o recibiu cun abrazo e coa afirmación de que o Reino Unido está xunto a el e xunto a todo o pobo ucraíno.
Todos estes asuntos veranse tamén o 6 de marzo en Bruxelas, onde se celebrará un cume extraordinario de líderes, e o 20 do mesmo mes, nunha reunión que xa estaba prevista.
Ambas as citas das próximas semanas versarán principalmente sobre a resposta europea á aceleración das conversacións entre Moscova e Washington para poñer fin ao conflito en Ucraína, nas que tanto Kíiv como Bruxelas queren ter un sitio na mesa.
