Trump publica na súa conta de Truth Social unha foto vestido de papa
Faino dous días despois de suxerir que el sería unha boa opción para ocupar o trono de San Pedro

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, publicou este venres na súa conta da rede Truth Social unha imaxe del vestido de papa. A imaxe do gobernante estadounidense está feita coa axuda da intelixencia artificial.
O mandatario aparece con sotana branca, mitra, cruz dourada e a piques de dar unha bendición, xa que ten o brazo dereito inclinado á altura do ombreiro e co dedo índice levantado.
A imaxe de Trump aparece mentres a Igrexa católica agarda a celebración do conclave que elixirá o novo pontífice, o vindeiro mércores, tras a morte do papa Francisco o luns 21 de abril, e dous días despois de suxerir que el sería unha boa opción para ocupar o trono de San Pedro.
"Gustaríame ser papa. Esa sería a miña opción número un. Creo que sería un gran papa. Ninguén o faría mellor ca min", dixo o mandatario o mércores desde a Casa Branca.
Con esta imaxe, Trump volve xerar controversia, xa que no funeral do papa Francisco, o sábado pasado no Vaticano, ignorou o protocolo ao asistir vestido de azul e non de negro, como dita a tradición nestes casos.
Trump tamén dixo que lle gustaría que o arcebispo de Nova York, o cardeal Timothy Michael Dolan, un dos prelados estadounidenses presentes no conclave, fose o vindeiro papa.
"Debo dicir que hai un cardeal dun lugar chamado Nova York que é moi bo. Veremos que pasa".
Os Estados Unidos terá dez cardeais representados no conclave e Dolan xa estivo presente no de 2013, no que fora elixido o cardeal arxentino Jorge Bergoglio.
Dolan recibiu dous votos en 2013 e neste novo conclave estará de novo presente ata que o misterio do novo pontífice se resolva co fume branco.
Outros dos cardeais estadounidenses mencionados son Raymond Burke, considerado un dos favoritos no ámbito máis conservador, e Robert Prevost, nomeado por Francisco prefecto do Dicasterio dos bispos e presidente da Comisión Pontificia para América Latina, que fala español con fluidez.