Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez confirma coa súa primeira visita a Marrocos a boa relación bilateral

Pedro Sánchez confirma coa súa primeira visita a Marrocos a boa relación bilateral

Con todo, os dous executivos non lograron acordar a apertura das aduanas en Ceuta e Melilla prometida hai un ano

Antón Montero 21/02/2024 19:56 Última actualización 21/02/2024 20:55

Primeira visita oficial de Pedro Sánchez a Marrocos nesta lexislatura. O presidente do Goberno entrevistouse co rei Mohamed VI e co primeiro ministro. Os dous executivos aseguraron que as relacións bilaterais atravesan un momento excelente. Con todo, non lograron acordar a apertura das aduanas en Ceuta e Melilla prometida hai un ano.

Había case dous anos que Pedro Sánchez non se entrevistaba co xefe de Estado do noso principal veciño do sur. O encontro con Mohamed VI, confirmado a última hora, serviu para constatar o bo estado das relacións entre os dous países.

"A nosa relación pasa polo seu mellor momento en décadas", dixo Pedro Sánchez.

Como proba citou Sánchez o récord histórico nos investimentos e os excelentes resultados, dixo, da cooperación en materia migratoria ou de loita contra o narcotráfico.

No encontro co primeiro ministro Aziz Ajanuch, Sánchez pulsou as oportunidades que se lles abren ás empresas españolas na construción das infraestruturas marroquís para acoller o mundial de fútbol de 2030 e outras como a liña ferroviaria de alta velocidade entre Casablanca e Marrakech.

Na parte negativa, segue sen haber data para a apertura das aduanas comerciais en Ceuta e Melilla prometida hai un ano.

Pedro Sánchez, Presidente do Goberno: "Por parte española, todo está listo para empezar a cooperación regular nas aduanas de Ceuta e Melilla. O xefe do Goberno, Ajanuch, confirmoume que tan pronto se completen os preparativos da parte marroquí imos poder empezar".

Na súa primeira visita a Marrocos da lexislatura, Sánchez reafirmou tamén o apoio do executivo a un Sáhara autónomo baixo soberanía marroquí.

O rei Mohamed VI de Marrocos agradeceulle ao presidente a postura "construtiva e importante" de España sobre o conflito do Sáhara Occidental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade