Pedro Sánchez considera un "orgullo" a actual unidade do PSOE
Cualifica os Orzamentos Xerais do Estado como exemplo de "socialdemocracia de manual"
Pedro Sánchez salientou este sábado a unidade do PSOE e dixo que constitúe un "enorme orgullo". Os Orzamentos Xerais do Estado foron protagonistas esta semana no Congreso e Sánchez cualificounos como un exemplo de "socialdemocracia de manual".
No marco do congreso dos socialistas aragoneses, Pedro Sánchez dixo que é hora de avanzar cun crecemento equitativo ou de volver ás políticas ultraliberais. Nesa liña, incidiu na unidade dos socialistas para afrontar os retos do presente.
"Cando se están abrindo camiño as propostas socialdemócratas, non soamente en España senón no conxunto de Europa, para min, amigos e amigas, é un enorme orgullo encontrar hoxe o partido socialista unido xusto no momento no que España máis necesita o partido socialista".
Sánchez insistiu en que o PSOE cumpre, e puxo como exemplos o salario mínimo, a revalorización das pensións, o ingreso mínimo vital, a lei de vivenda ou os ERTE. Non falou da reforma laboral, pero si dos Orzamentos estatais. Deles dixo que lograron sortear "as emendas á totalidade dos que están sempre no non".
"Deberían probar algún día a dicir que si. Ao mellor vailles mesmo un pouco mellor, non? Pero ben, están no non, e fixádevos, estes Presupostos Xerais do Estado son socialdemocracia de manual, porque apostan polo crecemento, a creación de emprego, pero tamén por un reparto xusto dese crecemento".
O líder socialista dedicoulles un capítulo aos resultados da loita contra a covid en España e comparounos con outros países europeos. Nese sentido, apuntou que estamos ante un "exito colectivo, malia que algúns rabien".