Pedro Alonso, padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos 2021
A Gran Recollida terá lugar do 19 ao 25 de novembro
A Fundación Provincial Banco de Alimentos recuperou unha das súas tradicións e este martes presentou ao novo padriño da Gran Recollida 2021. Este ano é o actor vigués Pedro Alonso, quen toma a remuda da xornalista María Rey.
Pedro Alonso puxo o chaleco de voluntario para que a súa popularidade axude a conseguir o maior número de doazóns posibles, para conseguir que os andeis da nave da asociación non queden sen existencias e poidan prover dos produtos de primeira necesidade os milleiros de familias da provincia de Pontevedra que o precisan.
O acto de presentación tivo lugar na nave que o Banco de Alimentos ten na parroquia viguesa de Lavadores. A Gran Recollida terá lugar do 19 ao 25 de novembro e a xente que queira colaborar pode facer a súa contribución a través da páxina web, Bizum ou nas caixas dos supermercados.
Os voluntarios, identificados con chalecos, estarán nos supermercados os días 19 e 20 de novembro. Nesta ocasión, igual que xa ocorrera na edición anterior, non se darán alimentos directamente e a achega farase en caixa. Desde o Banco de Alimentos lembran que todo o recadado economicamente será traducido en alimentos.
Os alimentos máis demandados son o leite, cacao, galletas, conservas, cereais e durante este ano estase a incorporar a conserva de carne.