Pechan en Galicia os recintos de vacinación masiva
Expourense era o primeiro dos grandes recintos de vacinación que pechaba as súas portas
Non se retirará, polo momento, o seu mobiliario, ante a posibilidade de que se dea luz verde a unha terceira dose para a poboación de entre os 12 e os 18 anos.
Expourense pechaba xa o sábado as súas portas como recinto de vacinación masiva, foi o primeiro en facelo. Este domingo seguiranlle a maior parte de grandes centros habilitados polo Sergas.
Por eles pasaron durante meses milleiros de persoas cada día ata chegar Galicia a liderar na actualidade a porcentaxe de poboación coa pauta completa con preto do 95 por cento, máis de tres puntos e medio por riba da media nacional.
Un éxito que celebran os equipos de enfermería encargados da coordinación e administración das vacinas.
"Estamos moi contentos porque as cifras e as estatísticas están aí, son cifras moi altas de vacinación e o persoal de enfermería respondeu moi ben", asegura Eva Domínguez, membro do equipo de coordinación da vacinación no Gaiás.
No Gaiás, en Compostela, neste último día estaban citadas unhas 250 persoas. A maioría mozos que acaban de cumprir os 18 anos e reciben a terceira dose, adultos que non puideron acudir cando os citaron, os que cumpren agora os prazos posteriores a pasar a covid e nenos que acaban de cumprir os 12 anos, que recibiron a primeira dose pediátrica con 11, e agora adminístraselles a segunda dose de adulto.
A partir do luns a administración das vacinas realizarase nos hospitais públicos de referencia das distintas áreas sanitarias. A pesar do peche destes recintos, non se retirará, polo momento, o seu mobiliario, ante a posibilidade de que o Ministerio de Sanidade dea luz verde a administrar unha terceira dose á poboación con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.