Pechada ao baño a praia de Arneles, en Cangas
As análises detectaron a presenza da bacteria E. Coli na auga, restos fecais
O Concello rexeita a posibilidade dunha vertedura da rede de saneamento e sinala aos barcos de recreo fondeados na zona
Cunha estampa paradisíaca, en pleno agosto e sen xente... A praia de Arneles, en Cangas, deixa unha imaxe pouco usual nesta época para sorpresa de moitos visitantes que dan volta ao ver a bandeira vermella ondeando.
Nas análises detectouse a presenza da bacteria E. coli na auga, que revela verteduras fecais. Para moitos, mesmo o Concello, a causa está nos barcos que fondean na zona. As embarcacións máis grandes teñen unha normativa máis estrita e requiren de permisos para fondear. Os mariñeiros aseguran que o problema está nos máis pequenos.
Os usuarios destes barcos, con todo, manteñen que se trata dunha vertedura da rede de saneamento, algo que o Concello rexeita. A plataforma augas limpas, xunto coa confraría de Aldán e o propio concello de Cangas reclaman que se limiten e se vixíen os fondeadoiros na zona. Todo apunta a que nas próximas horas xa se poderá abrir de novo ao baño a praia de Arneles.