Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión provisional para a detida polo crime da vella estación de buses de Vigo

Prisión provisional para a detida polo crime da vella estación de buses de Vigo

A muller foi arrestada como suposta autora da morte dun home de 56 anos a coiteladas

Ambos os dous adoitaban pasar as noites na antiga terminal agora en desuso

Momento no que a muller pasa a disposición xudicial
G24.gal 08/11/2025 09:11 Última actualización 08/11/2025 14:22

A maxistrada do Xulgado de Instrución Número 5 de Vigo acordou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para a detida como suposta autora do crime ocorrido na tarde do xoves pasado na antiga estación de autobuses de Vigo.

A muller, que pasou a disposición xudicial este sábado, está a ser investigada por un delito de homicidio.

Axentes da Policía Nacional arrestárona tras a morte dun home, Roberto C. C. de 56 anos, que faleceu acoitelado na terminal vella situada na avenida de Madrid, onde dormen habitualmente persoas sen fogar.

Axentes da policía na estación o pasado xoves. EFE/Salvador Sas Axentes da policía na estación o pasado xoves. EFE/Salvador Sas

Segundo as forzas de seguridade, os feitos ocorreron pouco antes das 19:00 horas e ata o punto desprazouse a policía científica e a xudicial, que investigan os feitos. 

Algunhas testemuñas aseguran que a muller lle asestou varias coiteladas no tórax e no pescozo cunha arma branca, probablemente un coitelo de cociña.

O persoal médico do 061 tentou facerlle manobras de reanimación cardiopulmonar á vítima, veciña do barrio, pero non conseguiu salvarlle a vida.

O lugar dos feitos tras o acoitelamento O lugar dos feitos tras o acoitelamento

Tanto o falecido como a presunta agresora adoitaban pasar as noites no lugar e mesmo compartían o habitáculo onde pernoitaban.    

Dende que pechou hai tres anos, moitas persoas sen teito dormen nos accesos á vella terminal de autobuses. Está abandonada e á espera de que se decida sobre o seu futuro.

A veciñanza e os comerciantes da zona denuncian situacións incómodas e falla de limpeza. Reclaman que se tomen medidas para evitar que a deterioración das instalacións vaia a máis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade