Para Menéndez o Rácing remata a Liga "no mellor momento desde que cheguei"
O técnico aprecia unha mellora no seu equipo pero lamenta que non dera tempo para reconducir a situación
Quedan dúas xornadas na Segunda División. O Rácing de Ferrol fará o seu último desprazamento na categoría a Albacete no único partido da xornada que se disputa o sábado ao non ter nada en xogo ningún dos dous equipos. Logo rematará a liga na Malata ante o Spórting de Xixón.
Cre Alejandro Ménendez que o seu equipo, malia estar descendido, está no mellor momento da temporada. Cando menos no mellor momento desde que se incorporou á dirección técnica a finais do mes de xaneiro. Baixo a súa dirección o Rácing encadeou unha serie de 11 partidos nos que só conseguiu un punto e que o levaron ao descenso a varias xornadas do final do torneo. Pero nos últimos cinco partidos mudou a tendencia. O equipo departamental conseguiu gañar dous encontros -Eldense e Cádiz- e mantivo a porta a cero en tres deses partidos.