Outro autobús con turistas volveu quedar atascado na estrada que vai aos embarcadoiros do río Sil
Desta vez non houbo feridos e o vehículo puido saír da curva por si só despois de moitas manobras; é o segundo incidente nun mes
A estrada está en pendente e con moitas curvas, pero é o camiño máis curto aos embarcadoiros e o que aconsella o GPS
O chofer do autobús tivo moitas dificultades para conseguir saír. Por detrás tiña un precipicio que acaba na vía do tren e por diante un muro de roca. Estivo máis de media hora manobrando ata que quedou desatascado.
"É imposible nin se pode dar marcha atrás nin adiante, conseguimos que non chegara a curva máis pechada e despois dunha media hora longa e ardua conseguiu dar a volta, pero isto vai volver a pasar", explica Juan Míllara, que ten unha empresa de turismo na zona.
A estrada é a que vai de Ferreira de Pantón a Santo Estevo, é moi estreita, ten moitas curvas e moita pendente, pero é o camiño máis curto para acceder aos embarcadoiros e a que recomenda o GPS.
"Esta estrada ten moito tráfico, corta a Ribeira Sacra, é acceso directo aos catamaráns aos canóns do Sil", engade Juan Míllara.
Hai un mes outro autobús quedara atascado, só que naquela ocasión fora peor, porque avanzara ata esta curva máis pechada e houbo que sacalo cun guindastre.
"Hai unha curva e logo está a outra, miras para o río e madre mía o susto que da, se caes vas a vía do tren", explica unha veciña.
Os veciños levan tempo reclamando que se sinalice a estrada e se prohiba o paso destes vehículos. O camiño máis seguro é polos Peares.
"Tiñan que sinalizalo xa en Ferreira de Pantón, ou ben indicar máis adiante que non poden pasar", di un veciño, e outra pregúntase: "Custa tanto un sinal que lles prohiba o paso?".
Desta vez non pasou nada. Os viaxeiros están ben, aínda que cun bo susto no corpo. Para evitar novos incidentes a Deputación vai sinalizar o treito.