Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un mozo de 24 anos e seu irmán de 14 queda ferido grave nun accidente en Noia

Morre un mozo de 24 anos e seu irmán de 14 queda ferido grave nun accidente en Noia

O adolescente foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago 

O Concello de Noia declarou este luns loito oficial polo sinistro mortal

Imaxe: Bombeiros de Boiro
G24.gal 25/12/2023 07:44 Última actualización 25/12/2023 20:08

Un mozo faleceu e outro quedou ferido de gravidade nun accidente de tráfico rexistrado en Noia. A vítima mortal é un veciño da localidade de 24 anos que conducía o vehículo.

No coche viaxaba tamén o seu irmán de 14, quen foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela en estado moi grave.

O sinistro aconteceu arredor das 22:15 horas, hora en que o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular alertando do suceso.

No seu relato indicaba que o condutor do turismo, por causas que polo momento non transcenderon, perdera o control cando circulaba polo lugar de Carracido, na parroquia noiesa de Barro. Saíu da vía e bateu contra un coche que estaba estacionado na marxe esquerda da vía e cun poste.

Como consecuencia do golpe, o condutor faleceu no acto e o outro ocupante precisaba asistencia sanitaria urxente.

O 112 mobilizou efectivos do 061, Policía Local, Garda Civil de Tráfico, GES de Noia e Bombeiros de Boiro. Os servizos de emerxencias tiveron que liberar ambas as dúas vítimas.

O Concello de Noia anunciou que declara este luns, día de Nadal, loito oficial polo accidente mortal. Nunha comunicación en redes sociais, o alcalde, Santiago Freire, e a corporación municipal expresaron o seu "máis profundo pésame á familia", tras coñecer a noticia deste sinistro.


"Arredor das 22 horas produciuse un accidente na Barquiña que deixa, lamentablemente, unha vítima e un ferido grave. Ambos os veciños de Noia. Desde o Concello queremos mandar o noso máis sentido pésame á familia, nestes duros momentos", di a mensaxe do Concello. Ademais, informa de que "mañá se declarará loito oficial na nosa vila". 

 

Debido ás condicións deste sinistro, desde o 112 Galicia activáronse os protocolos necesarios para a disposición dos profesionais especializados na atención psicolóxica perante graves emerxencias e catástrofes.

Un equipo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) desprazouse ata o lugar para prestar axuda os familiares das vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade