Publicador de contidos
Publicador de contidos

Outra incidencia técnica atrasa case unha hora a saída do AVE Avril desde Madrid a Vigo

Outra incidencia técnica atrasa case unha hora a saída do AVE Avril desde Madrid a Vigo

O tren Avril que debía saír da estación madrileña de Chamartín ás 19:18 horas partiu con 55 minutos de atraso

G24.gal 23/05/2024 22:34

Unha nova incidencia técnica provocou tamén este xoves atrasos na conexión do AVE Avril entre Vigo e Madrid na súa terceira xornada tras a inauguración do treito.

Neste caso, os pasaxeiros afectados foron os do tren Avril que debía saír da estación madrileña de Chamartín ás 19:18 horas e que finalmente partiu con 55 minutos de atraso.

No resto da xornada non houbo incidencias, aínda que este é o terceiro día en que se encadean problemas técnicos.

E é que o segundo AVE Avril que partiu este mércores pola mañá de Galicia tamén chegou a Madrid con algo menos de 20 minutos de atraso.

Neste caso, unha incidencia cunha porta atrasou a saída do tren desde Vigo uns 25 minutos, pero foi solucionada e o convoi só chegou 18 minutos despois da hora prevista á capital española.

Esta situación deuse precisamente un día despois da estrea destes trens este pasado martes, cando o primeiro Avril que saíu de Galicia tamén quedou parado máis de dúas horas e media a escasos metros da estación de Ourense por unha incidencia no tren.

Renfe subliñou que se mantén o seu compromiso de puntualidade, polo cal se establecen distintas compensacións aos usuarios.

En concreto, ao tratarse dun AVE, se o atraso na hora de chegada a destino é superior a 15 minutos, devólveselles aos pasaxeiros o 50 % do seu billete. No caso de que supere os 30 minutos, os viaxeiros recibirán o 100 % do prezo que pagaron polo seu traxecto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade