Ourense supera as previsións e bate récord de temperatura, con máis de 43 graos
A conca do Miño en Ourense está en alerta vermella
A AEMET activou un aviso laranxa por calor en Pontevedra, sur de Ourense e no interior da Coruña
43,1 graos. Unha temperatura nunca antes acadada na cidade de Ourense dende que existen rexistros. E, aínda así, quedou por baixo dos 43,7 aos que se chegou en Arnoia. Unha xornada de calor abafante en Ourense e que os veciños tentaban combater achegándose ás fontes, co uso de abanos ou acubillándose debaixo das árbores.
O nivel de aviso vermello xa alertaba da calor que ía facer. E se a xornada diurna foi calorosa en extremo, agárdase unha noite tamén abafante. A previsión é que o termómetro se sitúe na contorna dos 30 graos polo que non será sinxelo durmir esta noite na cidade das Burgas.
Consumir auga e zumes naturais, usar roupa lixeira, evitar actividades no exterior ou ocupar as zonas máis frescas das vivendas son algunhas das ferramentas para facer fronte a vaga de calor.
Temperaturas de 40 graos nas provincias atlánticas
Tamén se rexistraron temperaturas moi altas na provincia de Pontevedra, no interior da Coruña e no sur de Ourense. Nestas zonas, a Axencia Estatal de Meteoroloxía activou a alerta laranxa.
En Monforte, Salvaterra de Miño, Pantón e Ribas de Sil chegaron a 41 graos, en Vila de Cruces, Melide, Boiro, Salceda de Caselas, Arbo, Xinzo e Verín acadaron os 40 graos, en moitos lugares como Lugo, Portomarín, Sarria, Chantada, Santiago, Caldas de Reis, O Porriño, Ponteareas e Lobios chegaron aos 39 graos, a 38 en Lira e en puntos do Salnés, a 37 en Baltar e Bóveda e nas zonas costeiras das Rías Baixas os termómetros superaron, en xeral, os 36 graos.
Cumpriuse a previsión e a xornada comezou forte, con preto de 30 graos ás oito e media da mañá en Vigo. As praias enchéronse desde ben cedo na procura dun pouco de alivio no mar.
Os valores térmicos foron elevados na xornada, como os 41 graos de Monforte e os 39 de Lugo e Santiago. En moitas vilas chegaron a 40, como Verín, Arbo e Boiro. Puntos do Salnés rexistraron 38 graos. Esta vaga de calor vai ser histórica por inusual nas provincias atlánticas, pero algúns están xa preparados.
Tampouco refrescan demasiado as noites, porque as mínimas non baixan dos vinte. Parece que custará especialmente durmir o xoves, cando se espera que os valores no sur da provincia de Pontevedra non caian dos 24 graos.