Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ourense acada os 42,5 graos, a temperatura máis alta do ano en Galicia

Ourense acada os 42,5 graos, a temperatura máis alta do ano en Galicia

O ano pasado, ao 14 de xullo de 2022, Ourense chegou aos 44 graos centígrados

España acadará o pico da vaga de calor este mércores

G24.gal 08/08/2023 20:32 Última actualización 08/08/2023 21:35

Galicia alcanza a temperatura máis alta de todo o ano: 42 graos e medio na cidade de Ourense.

A cifra marca o récord no que vai de verán e produciuse pasadas as 17:20 horas.

A esa hora, no concello ourensán de Leiro rozaban os 41,6 graos, mentres que outras estacións ourensás, a do Concello en Vilamartín de Valdeorras e a de Ribas de Sil (Lugo), superaban os 41 graos.

Os ríos e as piscinas foron os refuxios que buscaron os ourensáns.

Agora, as recomendacións para soportar a onda de calor repítense: evitar a exposición ao sol, beber auga sen esperar a ter sede e buscar lugares frescos. Ademais, desaconséllase facer deporte ao aire libre ou realizar exercicios prolongados.

Os 42,5 graos rexistrados na tarde deste martes supoñen un rexistro histórico para a cidade nestas datas, aínda que non en toda a tempada estival, xa que o ano pasado, ao 14 de xullo de 2022, Ourense alcanzou os 44 graos centígrados.

Para este mércores o aviso por calor descende a nivel amarelo e as temperaturas máximas na provincia de Ourense e no centro e sur de Lugo espérase que superen os 36 graos.

Con todo, o episodio de calor extrema prevese que comece a remitir este xoves, cando, segundo os datos de Meteogalicia, os termómetros non superarán os 35 graos.

A Mariña e o norte da Coruña escapan da vaga de calor

Eran as seis da tarde deste martes e o termómetro desta farmacia de Barreiros marcaba 25 graos.

Algo de nubes no ceo e os veciños da Mariña gozando de sabérense donos dunhas temperaturas suaves e agradables mentres o resto de Galicia se sufoca.

Pedro mesmo botou todo o día traballando ao sol, poñendo no ladrillo. Con todo, aquí tampouco escapan do quecemento global.

De camiño á praia paramos nesta granxa, Anxo explícanos que aínda que aquí non é tanta a calor, os animais tamén a padecen.

Ao chegarmos a praia os turistas agradecen as temperaturas.

Imos agora ata Ferrol. Estamos no Cantón de Molíns, outra cidade que é unha excepción nesta Galicia de temperaturas extremas.

Para mañá espérase que no norte galego a calor continúe sen abafar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade