Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE descarta que Pedro Sánchez se someta a unha cuestión de confianza e cualifica de "infumables" os audios

O PSOE descarta que Pedro Sánchez se someta a unha cuestión de confianza e cualifica de "infumables" os audios

O secretario xeral do PSOE en Madrid, Óscar Lopez (Álex Zea/Europa Press)
G24.gal 13/06/2025 10:05

Este venres puidemos escoitar as voces dos protagonistas do informe da UCO que levou á dimisión do número tres do PSOE, Santos Cerdán. Son as conversas entre Cerdán, o exministro Ábalos e Koldo García. Os tres falan nos audios que comisou a Garda Civil das presuntas comisións que cobraban ás construtoras a cambio de adxudicacións de obra pública.

Nun deses audios, Koldo García pide cartos a Santos Cerdán. Falan moi baixo. García recoñece que lle entregou diñeiro a Ábalos. Noutro, Koldo volve pedirlle cartos a Santos Cerdán para José Luis Ábalos, porque unha vez fóra do ministerio está "cunha man diante e outra detrás".

Son gravacións feitas por Koldo García entre 2019 e 2023. No informe da UCO tamén se suxire un posible financiamento ilegal do PSOE. Koldo García escribiu a Javier Herrero, director xeral de Estradas na etapa de Ábalos no ministerio, dicíndolle que se van pór en contacto con el dende a xerencia do partido, cre, que para pedirlle o imposto. Entende a Garda Civil que se lle pedía a Herrero que realizase algún tipo de achega económica.

Un día despois, Koldo García fala co empresario José Ruz. Este pídelle falar con Santos Cerdán. Dille que "deixar fóra do baile" algunhas construtoras que supostamente pagaran a Ábalos non lle conviña "á gandería". Con este termo, a UCO entende que se referían ao PSOE.

Descartan a moción de confianza

Coñecémolos nunha xornada na que o ministro para a Transformación Dixital e secretario xeral do PSOE en Madrid, Óscar López, descartou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tivese que someterse a unha cuestión de confianza logo de que dimitise o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, polo caso Koldo.

López asegurou este venres nunha entrevista na Ser que Sánchez seguirá traballando, a pesar das dificultades que hai dentro e fóra de España. 

Tamén confirmou que isto significa que seguirá actuando con contundencia dentro do partido e que negociará cos socios coma sempre se fixo.

O propio López negou tamén que exista calquera tipo de financiamento ilegal dentro do PSOE e garantiu a limpeza das accións primarias do partido de 2014.

López insistiu en que, as conversacións con Cerdán, Koldo García e Jose Luis Ábalos son "infumables" e incompatibles de calquera maneira co PSOE, ademais de recalcar que "está moi ben iso de denunciar a corrupción dos demais, pero é moito máis importante actuar cando é en casa".

Segundo desvelou, Santos Cerdán negoulle "á cara" ata o último momento a súa suposta implicación no caso Koldo ao propio Sánchez, quen está "moi afectado" e "doído", segundo López.

O maxistrado Leopoldo Puente aceptou a comparecencia no caso Koldo do ex secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán, a quen preguntou se persiste na súa decisión de deixar a acta de deputado e, se así fóra, se o fará antes ou despois da súa citación no Tribunal Supremo o próximo día 25.

Sumar non ve necesaria a cuestión de confianza pero pide medidas e di que "rompeuse a confianza"

Desde as filas de Sumar, Lara Hernández, tamén se pronunciou neste tema. Ela asegurou que dá prioridade o "reseteo" da relación co PSOE por riba da petición a Sánchez de someterse a unha cuestión de confianza. 

Por outra parte, a portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbero, declarou na Ser que, a día de hoxe, non hai datos que indiquen que o presidente do Goberno estea implicado nos feitos do caso Koldo, pero si esixiu transparencia a Sánchez neste aspecto. 

Tamén se pronunciou o ministro de Cultura Ernest Urtasun, quen recoñeceu que "a confianza está rota entre socios" do Goberno e pide recompoñela con medidas "contundentes" para poder chegar ao final da lexislatura.

Pendentes da renuncia de Cerdán

Santos Cerdán, cesado como secretario de Organización do PSOE tras aparecer nun informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil como membro da suposta trama de comisións de Koldo García, mantense como deputado do Grupo Socialista do Congreso ao día seguinte de anunciarse a súa dimisión e, segundo fontes parlamentarias, aínda non consta o seu escrito de renuncia ao escano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade