Os xabarís deixan a diario estragos en parques e xardíns de Lugo
Os animais xa non se asustan de coches nin persoas
A diario a avenida de Magoi, en Lugo, amence con danos no xardín da medianeira e a estampa repítese noutros moitos barrios periurbanos.
"Aparecen a diario e senón é aquí e máis adiante". "Van buscando miñocas e onde eu vivo que hai herba tamén está todo levantado". "Está todo arado como se un tractor traballara toda a noite", sinalan veciños e viandantes.
Os animais xa non se asustan de coches nin persoas, e son moitos os veciños que xa se atoparon directamente con eles. Ademais sinalan que cada vez se moven en grupos máis grandes.
"O outro día vin 12 xuntos, dous grandes e os outros máis pequenos". "Onde máis os vexo é na avenida de Madrid, pero xa están afeitos e non se asustan".
Desfán parques e xardíns, pero ademais os veciños temen que poidan orixinar accidentes e urxen medidas para controlalos.
"O que poden causar é un accidente ou que a xente lle ten medo". "Xa chegan á porta da casa e teñen que tomar medidas e sacalos de aquí", comentan os veciños da zona.
A facilidade para tomar alimentos e a falta de depredadores lévaos a adaptarse ao ruído e á actividade da cidade, onde se comezan a realizar os trámites que permitan o control e a captura destes animais no contorno urbano.