Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os viaxeiros de países de alto risco teñen que gardar corentena ao chegar a España

Os viaxeiros de países de alto risco teñen que gardar corentena ao chegar a España

O Boletín Oficial do Estado publica este luns a orde do Ministerio de Sanidade pola que se impón esta medida restritiva

O Goberno di que non hai casos confirmados da nova variante en España

G24.gal 29/11/2021 09:31

España impón desde as doce desta noite dez días de corentena a todos os viaxeiros procedentes de zonas consideradas de alto risco, debido á variante ómicron do coronavirus que apareceu en varios países do sur de África.

O Boletín Oficial do Estado publica este luns a orde do Ministerio de Sanidade pola que se impón esta medida restritiva aos voos que cheguen a España, con ou sen escalas intermedias, desde calquera aeroporto situado en Botswana, Eswatini, Lesotho, Mozambique, Namibia, Suráfrica e Zimbabwe.

Desta mediada quedan excluídos os pasaxeiros en tránsito que sexan residentes ou titulares de visados de longa duración de países europeos e Estados asociados Schengen, Andorra, Mónaco, O Vaticano ou San Marino que se dirixan a eses países e mais o persoal aeronáutico necesario para levar a cabo as actividades de transporte aéreo.

Os viaxeiros deberán gardar corentena durante os dez días seguintes á súa chegada a España ou durante toda a súa estadía se esta fose inferior a ese prazo. Este período poderá finalizar antes se ao sétimo día o viaxeiro é sometido a unha proba diagnóstica de infección activa con resultado negativo.

Sen constancia de casos da nova variante en España

"Amais da vacinación e da proba, terán que permanecer en corentena no noso país. E mañá levaremos ao Consello de Ministros un acordo para restrinxir os voos dende o sur de África", explicou Carolina Darias.

Polo momento, non constan casos da variante ómicron en España, e dende o Goberno piden tranquilidade e prudencia: "Hoxe por hoxe non hai ningún caso confirmado no noso país desta nova variante. Estamos actuando con celeridade, con rigor, e da man das autoridades europeas", dixo Isabel Rodríguez.

As autoridades sanitarias insisten na necesidade de manter as medidas de prevención e o ritmo de vacinación. María Jesús Lamas, Directora da Axencia Española do Medicamento"A variante ómicron é de relevancia epidemiolóxica ainda incerta. É urxente acelerar a vacinación global".

Porque global é a expansión do virus. A policía holandesa detivo no aeroporto de Amsterdam a un español e unha portuguesa que se saltaran a corentena imposta tras regresar de Suráfrica. Un deles está infectado, e lograron arrestalos cando xa embarcaran nun avión con destino a España. A Comunidade de Madrid pide estreitar máis o control en Baraxas.

Os inmunólogos advirten que a nova variante pode chegar de xeito inminente, cando España camiña cara a unha incidencia de 200 casos por cada 100.000 habitantes. Os próximos días serán clave para ver o alcance desta nova onda, coa ponte da Constitución ás portas e nun período de grandes aglomeracións por compras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos