Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os espazos de vacinación masiva reabren o 10 de outubro para a cuarta dose

Os espazos de vacinación masiva reabren o 10 de outubro para a cuarta dose

O conselleiro de Sanidade prevé que a campaña se prolongue dous meses para vacinar o grupo de maiores de 60

Comesaña anuncia que os médicos de primaria seleccionados no concurso de méritos elixen destino esta semana

África González (catedrática de Inmunoloxía): "A cuarta dose chega en bo momento porque non hai moito virus"

G24.gal 25/09/2022 09:01 Última actualización 25/09/2022 21:36

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia na Radio Galega que sobre o 10 de outubro se reactivarán os recintos de vacinación masiva, os chamados popularmente "vacinódromos", para administrarlles a cuarta dose da vacina contra a covid a maiores de 80 anos.

Segundo indicou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, estiman que o proceso de aplicación deste reforzo se prolongará "dous meses"  para poder vacinar o grupo de maiores de 60 anos. García Comesaña asegura que se citará "con antelación suficiente" para que todo o mundo convocado poida estar preparado.

O responsable galego de Sanidade concreta que se repetirán os mesmos recintos usados nos procesos anteriores salvo en Vigo. Na cidade olívica, aclarou, "pola coincidencia con Conxemar" atrasarase o inicio desa vacinación no IFEVI (Instituto Feiral de Vigo) para facelo nun principio no hospital Álvaro Cunqueiro e logo trasladar o proceso ao recinto feiral.

O conselleiro de Sanidade considera que, a día de hoxe, esta nova dose de reforzo só se aplicará á poboación maior de 60 anos. 

"Tardamos arredor de dúas semanas en vacinar en residencias, que é o noso primeiro paso. O seguinte, que son os maiores de 80, poderiamos estar falando arredor de dúas semanas, na contorna do 10 de outubro". 

Atención primaria

O conselleiro de Sanidade anunciou tamén que se prevé que na semana que comeza mañá escollan destino os 106 médicos de atención primaria seleccionados por concurso de méritos e de "xeito case inmediato" estean ocupando eses postos.  

"Esta mesma semana van escoller destino os 106 primeiros (médicos) desa lista ordenada que temos. Unha vez que escollan destino, o seguinte paso será que tomen posesión da praza e empecen". 

García Comesaña tamén avanzou que a semana que vén vai ao Parlamento a futura lei que estenderá a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en atención primaria, hospitais comarcais e saúde mental.

O anteproxecto de lei de medidas extraordinarias está dirixido a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde.  

García Comesaña dixo agardar que a futura norma pase o trámite no Parlamento.

"Esperemos que co apoio unánime de todas as forzas do Parlamento, esas que din que temos que potenciar os comarcais e mellorar as condicións de atención primaria. Sorprenderíame que votasen en contra ou mesmo que se abstivesen".  

Aínda sobre atención primaria, García Comesaña admite que o nivel de presión asistencial é alto pero que se recuperou respecto ao verán. De feito, asegura que, consonte os datos da última semana, "o 83 % dos galegos que pide unha cita co seu médico de atención primaria obtéñena en menos de catro días". 

Respecto ás listas de agarda xerais do Sergas, García Comesaña asegura que "están nun lugar bo se se comparan co resto de España" e que son "os segundos mellores datos de todo o estado tras o País Vasco".

Con todo, indica, a pandemia "repercutiu nas intervencións non urxentes" polo que asegura que se traballa para reducir as listas e volver a datos coma os de 2019. Para iso avanzou o aumento da actividade de aquí a final de ano con actividade cirúrxica "extraordinaria" polas tardes. 

Vacinación infantil

O conselleiro de Sanidade cifrou en 449 o número de vacinas contra o VPH administradas a nenos de 12 anos dende o 15 de setembro, cando se empezou a dispensar esta vacina a este grupo de idade.

Segundo García Comesaña, Galicia ten o calendario de vacinación infantil "máis amplo de todo o Estado". Así mesmo avanzou que en "novembro empezaremos a vacinar coa vacina do meningoco B e a campaña de vacinación da gripe nos nenos encaixarase dentro da campaña da vacinación da gripe". 

Infraestruturas e orzamentos

Coa ollada posta nos Orzamentos da Xunta de 2023 e proxectos inmediatos, o conselleiro de Sanidade asegurou que se seguirá coa "renovación das infraestruturas". 

Nesa liña prevé que en 2023 se complete a demolición do hotel de pacientes actual do hospital da Coruña e "empezar a traballar nas vías e empezar a facer o hotel de pacientes novo" entre outros proxectos destacados que están en marcha.  

Segundo García Comesaña, nos orzamentos da Xunta para Sanidade seguiranse traballando na mellora dos centros de saúde, en "melloras tecnolóxicas", en "tratamentos novidosos" e para reducir "listas de agarda".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade