Os trens seguen acumulando atrasos en Galicia
Este luns, os máis prexudicados foron os de primeira hora, que acumularon trinta e cinco minutos de atraso entre Ourense e A Coruña
Chega á estación de Ourense o Alvia de Madrid con destino Ferrol, con quince minutos de atraso. "Eu teño clase agora e vou chegar tarde". "É bastante habitual en Renfe, por non dicir que pasa todos os días", sinalan dous usuarios.
Segundo os pasaxeiros, xa saíu con atraso de Madrid, coa estación de Chamartín en obras de ampliación. "É o pan de cada día, sobre todo cando veñen de Madrid. Desespera, pero é o que hai", di unha pasaxeira. "Dez minutos como moito, non máis", corrixe outra.
O atraso na chegada atrasa tamén as saídas dos pasaxeiros cara a Santiago e á Coruña, estudantes a maioría. Tamén saíron tarde, 25 minutos, os de Vigo. O peor, din, é que sucede con frecuencia.
"Cando o collo eu, nunca chega a tempo. Non sei se é porque só veño os días que chega tarde!". "Ás veces con máis de media hora, que nos teñen que reembolsar os cartos", comentan dúas pasaxeiras.
Pero os máis prexudicados foron os de primeira hora do día. O Avant de Ourense-A Coruña saíu, segundo denuncian nas redes sociais, con 35 minutos de atraso e con 15 no sentido inverso.