Os taxistas de Santiago denuncian que as empresas de VTC traballan de forma irregular
O Concello tramita dez propostas de sanción por infraccións detectadas en vehículos de transporte con condutor
Din que a situación empeorou nos últimos meses e que nas últimas semanas, algúns compañeiros sufriron persecucións intimidatorias por parte dun condutor dun VTC
Un vehículo de transporte con condutor recolle dous pasaxeiros na parada de taxis do aeroporto de Santiago. As denuncias do taxistas contra as VTC por operaren irregularmente sucéndese.
Din que estas empresas prestan servizos urbanos, dentro do concello sen a autorización para facelo.
"A nivel autonómico a lei impídeo. A Xunta e o Concello están facendo unha serie de inspeccións pero os medios que teñen non son suficientes para eliminar esa práctica", di Manolo Sánchez, vicepresidente de Radio Taxi.
Na aplicación da empresa Cabify comprobamos que si podemos reservar un coche, que nos recolle no aeroporto e nos leva ao centro da cidade.
Os taxistas pídenlles ás Administracións que endurezan a vixilancia contra o que din é unha competencia desleal.
"Cabify está permitindo solicitar mediante a aplicación unha serie de servizos en Galicia, neste caso en Santiago, que non pode facer".
"É igual que ti co teu coche particular ou eu co meu taxi, non podo facer servizos na Coruña. Son licenzas e cada licenza ten a súa normativa e unha regulación", apunta Sánchez.
Aseguran que esta situación ten ocasionado algúns enfrontamentos verbais entre taxistas e condutores nos últimos días.
"O compañeiro colleu os clientes na estación intermodal e o condutor da VTC saíu detrás deles increpándoo. Púxose en contacto coa Policía Local e púxose unha denuncia", afirma Manolo Sánchez.
Neste momento, o Concello tramita dez propostas de sanción por infraccións detectadas en vehículos de transporte con condutor.
As empresa de VTC consultadas pola TVG refusaron dar a súa opinión