Os sobreviventes do accidente do Alvia sentían que morrían entre po e entullos
Na segunda sesión da fase de responsabilidade civil do xuízo polo accidente de Angrois as testemuñas rememoran o seu pesadelo
As secuelas físicas e psíquicas impídenlles recuperar a súa vida anterior
Os pasaxeiros do Alvia que descarrilou en Angrois en 2013 reviviron o seu pesadelo esta mañá, na segunda xornada da fase de responsabilidade civil do xuízo polo accidente, no que morreron 80 persoas e 140 sufriron feridas. A reclamación por danos e prexuízos sobrepasa os 57 millóns de euros.
"Aquilo non era un vagón; aquilo, ou sexa, a xente desaparecera, non había asentos, nin arriba nin abaixo nin esquerda nin dereita, aquilo era un desastre total", lembra
José Manuel Amboage, un dos sobreviventes da traxedia.
E só unha das testemuñas ante os xuíces, pero hai outras moitas igual de arrepiantes. Tanto nas súas declaracións coma na dos que testificaron por vídeochamada, houbo momentos de forte emoción ao lembrar o sucedido.
"Había bastantes cadáveres, e eu tiña que saltar, e non quería saltar enriba deles. Ao final conseguino, pero moi mal porque eu ía malferida, coa man colgando, e tiña que suxeitala", declarou Isabel Formoso.
"Uns rapaces todos contentos porque eran de Galicia e ían á súa festa. E eu víaos alí, debaixo do asento, afogando igual ca nos", lembrou Basilisa Pascual, que recordou que ía xunto uns mozos que viaxaban a Santiago para asistir á festa do Apóstolo.
Jorge Rentería Campos, un músico que perdeu a vista e tivo que deixar de tocar, sentiuse tan mal que "pensaba que morría alí mesmo, que era a fin e que ía morrer esmagado"
Sobreviviu, pero, como moitos outros pasaxeiros do tren, non puido recuperar a normalidade.
"Eu antes do accidente tiña unha vida normal e despois do accidente esa vida normal deixou de existir".
O obxectivo da parte civil do proceso iniciada esta semana é determinar os danos físicos ou psicolóxicos dos afectados para fixar as compensacións. Na sesión deste mércores estaban tanto persoas que ían a bordo do tren coma familiares.