Un pitbull ataca unha estudante de Erasmus en Ourense
Saltoulle á cara e mordeulle nun ollo, polo que tiveron que operala de urxencia
A veciñanza tenlle medo porque xa atacara outros animais
Sabía a quen tiña na casa, e ben avisada que estaba, pero aínda así.
"Escapou pola rúa arriba, viña unha parella e botouse á rapaza", conta un veciño.
Foi un ataque ao chou, supostamente sen provocación.
"Pode ser por un exceso de enerxía. O can non saíra da casa en moito tempo. Para previr isto, habería que sacalo a pasear, que se canse, que queime enerxía tanto física coma mental e, unha vez que xa mordeu, analizar moi ben o motivo da mordida", explica Sergio García, adestrador canino de Kahú.
A vítima e unha moza francesa que está de Erasmus en Ourense e que vive xusto ao lado do dono do can. Saltoulle á cara, sen tempo de se protexer, e mordeuna nun ollo.
"Viñan de dar un paseo. Tíñaa tirada no chan mordendo nela, e estaban os compañeiros ou amigos e levárona directamente porque ía perdida", sinala outra veciña.
Operárona de urxencia no Cunqueiro de Vigo, con cirurxía plástica incluída. Non é o primeiro susto que dá este pitbull.
"Xa tivera problemas con gatos, outra vez cun can pequeno dunha señora. Este can ten que estar sempre con bozo e con correa e está sempre sen bozo e sen correa", asegura o home que vive enfronte.
"Están encadrados nese enfoque de PPP, potencialmente perigosos, máis que nada pola potencia que teñen de mordida. Un yorkshire ou un chihuahua poden ser igual de perigosos pero non che arrancan un brazo", aclara o adestrador canino.
A veciñanza tenlle medo ao can e tamén ao dono.
"Acostuma ser xente bastante nova que por ter o can, por presumir cos amigos, collen ese tipo de can e nos refuxios están fartos de recibir ese tipo de can porque acaba non recibindo coidados, en protectoras, e chegan sen socializar e cunha chea de lastres", advirte Sergio García.
O perfil adáptase. O can vivía nun espazo reducido, sen contacto con outros animais nin persoas. Os expertos advirten de que cando un can morde é fácil que repita.