Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os atrasos nos pagamentos darán dereito ao traballador a extinguir o contrato con indemnización

Os atrasos nos pagamentos darán dereito ao traballador a extinguir o contrato con indemnización

O Supremo establece que o atraso no pago do salario ten a gravidade suficiente como para indemnizar os empregados que se vaian como se fose un despedimento improcedente

G24.gal 12/04/2023 17:46 Última actualización 12/04/2023 17:58

O Tribunal Supremo establece que o atraso reiterado no pago das nóminas supón a extinción do contrato de traballo e dá dereito ao traballador para recibir a indemnización prevista para os casos de despedimento improcedente.

Nunha sentenza datada o pasado 10 de xaneiro, a sala do social estimou o recurso dun traballador da empresa Vendas e Servizos Técnicos de Centro contra unha sentenza de abril de 2021 do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

O que aclarou o Supremo é se o atraso no pago do salario ten a gravidade suficiente como para xustificar a resolución indemnizada do seu contrato de traballo.

O traballador prestaba os seus servizos na empresa desde o 3 de outubro de 2007, con categoría de persoal de oficial de primeira e unha retribución de 2.624,47 euros mensuais.

Entre abril de 2019 e marzo de 2020 o empregado percibiu a súa retribución un atraso medio de 10,5 días, que a empresa xustificou polas débedas que mantiña coa Tesourería Xeral da Seguridade Social.

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid desestimou as pretensións do traballador ao entender que a media de atraso non era excesiva, e que, ao ser unha práctica reiterada, era perfectamente previsible, podendo acomodarse a ela, atendidas tamén as dificultades económicas da empresa.

Pero o Supremo si ve grave o atraso, e considera que o empregador "non ten a facultade unilateral de modular ou condicionar o cumprimento da obrigación de abono puntual do salario".

Incumprir de forma reiterada esta obrigación "pode resultar nunha modificación da mesma", e "non resulta esixible ao traballador que asuma e se adapte ao atraso só porque este se reitere no tempo de maneira previsible".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade