Os reis visitan Chiva, Utiel e Letur en plena reconstrución e entre fortes medidas de seguridade
Os reis visitan Chiva, Utiel e Letur en plena reconstrución e entre fortes medidas de seguridade
Filipe VI e a raíña Letizia estiveron acompañados polos presidentes da Generalitat en Valencia e de Castela-A Mancha en Albacete ademais dos ministros de Política Territorial e de Vivenda
O tenente xeneral Francisco José Gan Pampols asume a Vicepresidencia da Recuperación
O Goberno crea un comisionado especial para reconstruír e reparar os danos da DINA
Os reis de España, entre unha forte despregadura de seguridade para evitar incidentes como os ocorridos na súa visita a Paiporta do día 3, chegaron este martes a Chiva, un dos municipios máis afectados pola DINA do 29 de outubro e que xa iniciou unha precaria reconstrución.
Entre aplausos e vivas aos reis, Filipe VI e Letizia Ortiz estiveron acompañados polo presidente da Generalitat valenciana, Carlos Mazón, e o ministro de Poilítica Territorial, Ángel Víctor Torres, e foron recibidos na praza do Concello por toda a corporación municipal.
Á entrada dos reis á praza producíronse algúns berros illados que pedían a dimisión de Mazón, e tras saudar os reis a algunhas das preto de 400 persoas concentradas alí para recibilos, a comitiva entrou no consistorio.
A alcaldesa de Chiva, Amparo Fort, recibiunos ás portas do concello. Os Reis cumprían así a promesa que lle fixeran hai dúas semanas cando os incidentes en Paiporta obrigaran a suspender a visita. Agora volveron a unha das localidades máis afectadas pola riada para escoitar e acompañar aos veciños nestes momentos difíciles.
"Hai que estar preto dos cidadáns en todo momento sufrindo con eles e apoiándoos para saír adiante", di o monarca.
Os monarcas recibiron numerosas mostras de cariño coma un regalo que lle entregaba unha nena da localidade. "Deulle a estampa da nosa Virxe do Castelo para que nos protexa e os protexa. Á raíña caéronlle as bágoas", explicaba a avoa da pequena, de nome Candela.
O percorrido polas rúas de Chiva rematou no barranco onde a auga arrasou todo ao seu paso. Nesta ocasión o presidente Pedro Sánchez non acompañou os Reis por estar desprazado ao cumio do G20 no Brasil.
Tras esta primeira visita, os reis desprazáronse a Utiel, outra das localidades de Valencia afectadas pola DINA. Utiel foi o primeiro concello valenciano que sufriu a DINA ao mediodía do 29 de outubro.
Visita a Letur
Os reis chegaron sobre as 16.40 horas deste martes á localidade albaceteña de Letur, onde faleceron seis persoas. Estiveron acompañados polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, e a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez.
Os monarcas trasladaron as súas condolencias á poboación polos seis habitantes falecidos.
A visita dos reis comezou no colexio da nosa Señora da Asunción, onde os recibiron os estudantes e profesores do centro que se converteu no posto de mando de toda a operación de rescate durante os días críticos que seguiron á riada.
Os veciños de Letur recibiron aos reis con aplausos e berros de 'Viva o rei', e trataron de inmortalizar a visita facendo fotos e vídeos cos seus móbiles. Os reis aproveitaron a ocasión para dar o pésame ás familias que perderon aos seus seres queridos e transmitiron mensaxes de apoio aos habitantes que seguen á espera de recuperar as súas casas.
Ao final do percorrido, que durou menos dunha hora, Filipe VI e Letizia entraron na zona cero dos derrubamentos, onde a forza da riada chegou a destruír varios edificios e deixou bloqueada a rúa principal. Alí supervisaron os labores dos equipos de reconstrución que levan traballando desde o primeiro día do desastre e viron de primeira man a magnitude das inundacións.
Desde alí abandonaron en coche a localidade, unha vez máis arroupados polos aplausos dos seus habitantes. Emiliano García-Page detallou que os veciños sobre todo pediron aos Reis e aos políticos "que non os esquezan" debido á cantidade de traballo que aínda queda para reconstruír Letur.
Baixan a oito os desaparecidos
A cifra de vítimas mortais rexistradas por mor da DINA e as inundacións posteriores que afectaron á provincia de Valencia mantense en 219, mentres que a de desaparecidos baixa a oito, tres menos, segundo o último balance oficial do Centro de Integración de Datos (CID).