Os reis e as infantas presiden en Barcelona a entrega dos Princesa de Xirona
Como prólogo da cerimonia reuníronse co padroado e co premiados no Palacete Albéniz
Non haberá representación da Generalitat na entrega, que se celebra en Cornellá
A princesa Leonor e a infanta Sofía iniciaron na localidade xerundense de Figueres a súa axenda en Cataluña
Como prólogo á entrega dos galardóns, os reis reuníronse co padroado da Fundación Princesa de Xirona e con premiados nas anteriores edicións. Foi no Palacete Albéniz, a residencia oficial da familia real en Barcelona, onde a princesa Leonor e a infanta Sofía tamén participaron nun taller sobre o uso de programación nas aulas.
Esta tarde o escenario da entrega de premios será o Museo Agbar, en Cornellá, e na cerimonia non estará ningún representante da Generalitat nin a alcaldesa de Barcelona. Os reis estarán acompañados pola ministra de Educación e a presidenta do Congreso, e a princesa volverá pronunciar parte do seu discurso en catalán, como fixera nas anteriores edicións.
Por terceiro ano consecutivo, a cerimonia terá lugar nas inmediacións da capital catalá, ante o rexeitamento do independentismo a que se celebre na capital xerundense. O concello de Xirona declarou a Filipe VI persoa non grata tras o seu discurso de condena ao referendo ilegal.
Por iso foi simbólica a reaparición oficial da princesa tras o seu regreso de Gales. Leonor e Sofía iniciaron onte en Figueres a súa axenda en Cataluña. A visita ao Teatro Museo Dalí xerou expectación porque era a primeira vez que a herdeira da coroa pisaba oficialmente a provincia de Xirona, que lle dá nome a un dos seus títulos.
Houbo apupos dun grupo de manifestantes e tamén aplausos dun cento de persoas que as agardaban. A princesa e maila infanta saudaron parte dos congregados, no que foi o seu segundo acto en solitario este ano.