Os prezos dos carburantes condicionan a primeira operación saída do verán
Tráfico prevé máis de medio millón de desprazamentos desde hoxe e ata o domingo nas estradas galegas
Arranca a operación especial de tráfico deste verán. En Galicia prevense máis de 550.000 movementos dende hoxe ata o domingo.
Será a primeira das catro operacións saída previstas para este verán e comeza xa para quen estea de vacacións e, sobre todo, para quen poida permitirse encher o depósito do seu vehículo. Facelo será, de media, entre 41 e 47 euros máis caro que hai un ano.
Co prezo por litro por riba dos dous euros, tanto de gasolina como de gasóleo, a quen emprenda unha viaxe por estrada élle conveniente comparar antes de repostar, porque hai diferenzas notables, de ata 20 céntimos por litro, entre estacións de servizo e entre distintos territorios.
Así, por exemplo, Ourense é unha das provincias de España onde custará máis atopar prezos baixos, segundo datos da OCU.
E, mesmo así, as previsións apuntan a un verán especialmente concorrido nas estradas galegas. Calcúlase que, só nesta fin de semana, haberá máis de medio millón de desprazamentos nas vías da comunidade, case un 40 por cento máis ca na operación saída do verán pasado.
As autoridades apelan á responsabilidade de condutores e peóns e poñen en marcha hoxe un operativo especial con máis controis e vixilancia por terra e por aire.