Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os partidos encaran a recta final da campaña de cara ás eleccións xerais deste domingo

Os partidos encaran a recta final da campaña de cara ás eleccións xerais deste domingo

Feijóo pechará campaña en Sevilla e Sánchez e Colau en Madrid 

Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña son as cidades escollidas polos líderes dos partidos en Galicia para o peche da campaña

 

G24.gal 27/11/2026 07:10

A campaña electoral para as eleccións do 29N remata este venres, despois de quince días de actos, mitins, debates e entrevistas por toda España. A última xornada chega marcada pola resaca do debate a catro celebrado este xoves e polos últimos chamamentos ao voto dos principais candidatos.

Pedro Sánchez (PSOE) pechará a campaña en Madrid; Alberto Núñez Feijóo (PP), en Sevilla e Ada Colau (Fronte Ampla), tamén na capital española.

Estes son os escenarios escollidos polos partidos para o peche de campaña en Galicia

En Galicia, os principais partidos tamén preparan unha intensa xornada de peche, con actos repartidos polas catro provincias. O PPdeG, co seu líder, Alfonso Rueda, á cabeza, celebrará dous mitins: o primeiro, ás 19:00 horas, no Hotel Finisterre da Coruña, e o segundo, ás 21:00 horas, no pavillón dos Remedios de Ourense, como escenario do peche definitivo da campaña galega.

Antes, Rueda paseará por Culleredo xunto á presidenta local do partido, Izaskun García. Os populares apelan durante esta última xornada ás mensaxes do «cambio» e do «voto útil» e escollen Ourense

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desprazarase por tres provincias antes de protagonizar o mitin final en Lugo, cidade na que reside. A súa axenda comezará ás 10:00 horas en Cuntis, cun reparto de propaganda electoral, e continuará no campus da Xunqueira, en Pontevedra, ás 11:15 horas, e no Mercado de Abastos de Santiago, ás 13:30 horas.

O acto de peche terá lugar ás 18:30 horas na Sala Tebras de Lugo, acompañado polos candidatos socialistas da provincia e representantes institucionais. 

O BNG concentrará a súa última xornada en Santiago de Compostela. A portavoz nacional, Ana Pontón, participará pola mañá nunha fotografía de familia cos candidatos e militantes na praza do Obradoiro, mentres que o mitin de peche se celebrará ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia. Nel intervirán, ademais de Pontón, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e os cabezas de lista das catro provincias: Néstor Rego, Carme da Silva, Olalla Rodil e Noa Presas.

Pola súa banda, a Fronte Ampla pechará a campaña galega na Coruña cun mitin ás 19:00 horas no CEIP Eusebio da Guarda, no que participarán o portavoz da formación, Paulo Carlos López, e os candidatos Xosé Lois Piñeiro, Rocío Núñez, Trinidad Palacios e Sara Puga.

Antes, ás 12.15 horas, Paulo Carlos López e Rocío Núñez realizarán o último reparto de propaganda electoral na zona da Fonte dos Surfistas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos