Os norteamericanos que viven en Galicia xúntanse para celebrar a Acción de Grazas
Conmemoran a festa con pequenas adaptacións na data e no menú
Nesta casa de Santiago están a preparar a comida da Acción de Grazas. A maioría son estadounidenses, pero tamén comparten o día con algúns galegos e todos achegan algo ao menú tradicional da festa.
"O que facemos é que cada familia trae algo. Normalmente Jessica fai o pavo e algún pastel. Eu fago a gornición, Juna fai o recheo que se come co pavo. E así ímonos poñendo todos á obra", explica Naya Bravo, a anfitrioa.
Na mesa o protagonista é o pavo asado acompañado de verduras e froitos de outono. Nos Estados Unidos e no Canadá é unha festa nacional que se celebra o cuarto xoves de novembro.
"Para celebrar a primeira colleita dos ingleses que chegaron como peregrinos aos Estados Unidos e os nativos americanos que os axudaron para que non morresen de fame", di Jessica Mackowick.
"É un día como se fai alá, un paro completo. Un día en que só estás para estar coa familia, cos amigos, comer... Gozar de pratos que se fan só ese día", asegura Naya.
Os máis achegados sentan á mesa nesta festa que celebran outro día e noutro continente, pero co mesmo espírito.
"Dar as grazas é a parte máis importante da Acción de Grazas".
"Feliz Acción de Grazas!".