Os mozos que fan os 18 anos neste 2024 poden solicitar desde hoxe o Bono Cultural
Aos beneficiarios concédeselle unha tarxeta de prepagamento de 400 euros para gastar en produtos culturais en formato físico, produtos dixitais e artes escénicas
O prazo de solicitude conclúe o 16 de setembro

Os mozos e mozas que naceron en 2006, que fixeran ou fagan 18 ao longo deste ano, poden solicitar, a partir deste luns, o Bono Cultural 2024 para poder beneficiarse dunha tarxeta prepagamento con 400 euros destinados a produtos culturais en formato físico, produtos dixitais e artes escénicas.
Segundo adianta o Boletín Oficial do Estado (BOE) este luns, o Bono Cultura pódese solicitar ata o 16 de setembro a través da web habilitada polo Ministerio de Cultura.
Á axuda poden acceder os mozos e mozas de nacionalidade española, aqueles que posúan residencia legal en España, os solicitantes de asilo, desprazados temporais ou estranxeiros extutelados.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, hai arredor de 525.000 potenciais beneficiarios en todo o Estado.
Desde a data de concesión, poderase facer uso do Bono durante todo un ano nos máis de 3.300 establecementos adheridos ao programa en toda España.
Os 400 euros da tarxeta prepagamento están divididos en: 100 euros para produtos físicos, por exemplo, libros, prensa ou discos; 100 euros para produtos dixitais, como subscricións a plataformas, prensa dixital, podcast ou videoxogos en liña e 200 euros para artes escénicas: teatro, ópera, cinema, danza, museos.
Os mozos interesados en solicitar o Bono Cultural poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dun adulto.
Con esta iniciativa, desde o Ministerio de Cultura intentan fidelizar o público máis novo á cultura de fronte ao futuro, ademais de ofrecer un respaldo adicional ao sector cultural para recuperarse da crise.