Os MIR non poderán rematar antes a formación, pero si cubrir vacantes no verán de maneira voluntaria
Os MIR non poderán rematar antes a formación, pero si cubrir vacantes no verán de maneira voluntaria
A Xunta considera que o Ministerio de Sanidade non axuda ás comunidades autónomas a resolveren o problema de falta de médicos
A Xunta non poderá contratar este verán ningún dos 127 residentes de medicina de familia e 26 pediatras que, de maneira excepcional, este ano rematan a súa formación en setembro. O Ministerio de Sanidade negouse en rotundo a que finalicen dous meses antes, tal e como propoñía Galicia para poder incorporalos aos centros de saúde durante as vacacións.
"Nós non imos avalar nada que saia da lexislación nin que comprometa a calidade da formación dos médicos residentes", di Mónica García, a ministra de Sanidade.
O que si que avala o ministerio é que os MIR de último ano poidan cubrir as prazas dos médicos que están de vacacións de maneira voluntaria, cun incentivo económico e sempre supervisados. Outra das ideas con que traballa a Xunta para cubrir a atención primaria durante o verán.
Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, di: "Agrádanos que unha idea que saíu de Galicia teña o aval do Ministerio de Sanidade e que ademais sexa unha especie de guía para o resto de comunidades autónomas".
O conselleiro de Sanidade garante a continuidade asistencial durante o verán en Galicia, pero considera decepcionante a falta de axuda, di, do ministerio ás comunidades.
"O Ministerio de Sanidade é a fábrica de profesionais sanitarios e o problema que temos agora é de números. E non achegou ningunha solución ao problema de falta de médicos que temos no verán", di Antonio Gómez Caamaño.
Agora mesmo hai 141 prazas de médicos de familia en Galicia sen cubrir por falta de titular e outras 102 baleiras porque os médicos están de baixa ou con licenzas.