Publicador de contidos

Publicador de contidos

Esther Estévez e o #DígochoEu, premios Mestre Mateo

Esther Estévez e o #DígochoEu, premios Mestre Mateo

A serie Hierro triunfa con seis galardóns de oito

O filme Tres, mellor longametraxe

Cuñados non gaña ningún dos 16 nomeamentos

G24.gal 19/03/2022 19:32

O espazo #DígochoEu levou o premio ao mellor programa e Esther Estévez, a súa presentadora, o de mellor comunicadora. A xornalista de Verín quixo aproveitar o momento de agradecementos para mandar unha mensaxe á mocidade: "Aprendede todas as linguas do mundo, pero nunca esquezades a propia".

Outro dos grandes destacados da noite foi o finado Pedro Brandariz, gañador do premio a mellor actor protagonista polo seu derradeiro papel en Jacinto. Os seus compañeiros lembrárono ao longo da gala entre bágoas e ovacións de agradecemento. A webserie Mataría microserie, protagonizada por Brandariz, levou o galardón na súa categoría.

Hierro, a gran triunfadora

A serie Hierro conquistou este sábado os  XX Premios Mestre Mateo do audiovisual galego ao obter seis galardóns dos oito aos que optaba, nunha noite na que a película “Tres” recibiu a distinción a mellor longametraxe.

A segunda tempada do thriller que aborda a investigación dun asasinato na illa do Hierro -producida por Portocabo, Atlantique Productions, Arte France e Movistar+ foi a máis agraciada nunha edición repartida, na que a cinta Jacinto obtivo catro premios.

Hierro conseguiu os Mestre Mateo a mellor serie de televisión; mellor dirección para Jorge Coira; mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Lida Fraga e Eligio R. Montero; mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón e Juan Galiñanes; mellor música orixinal para Elba Fernández e Xavi Font, e mellor dirección de produción para Ana Míguez.

Porén, Cuñados, película que partía como favorita con 16 candidaturas finalistas, non conseguiu ningunha estatuíña.

A mellor longametraxe para Tres

O premio de mellor longametraxe foi para Tres, que tamén gañou a figura de mellor actriz protagonista para Marta Nieto e mellor son para Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts.

O filme Malencolía, de Alfonso Zarauza, obtivo dous galardóns para os seus actores de reparto Diego Anido e Iolanda Muíños.

O premio de honra Fernando Rey recoñeceu o labor da cineasta, xornalista, investigadora e poeta Margarita Ledo por unha traxectoria comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a lingua.

Margarita Ledo recolle o seu premio. Margarita Ledo recolle o seu premio.

A mellor dirección de fotografía foi a de Lucía  C. Pan en ¿Qué hicimos mal? e a mellor realización a de Jairo Iglesias por Origen.

Os demais Mestre Mateo recaeron no documental de Recrea Films A Virxe Roxa; o  videoclip de Trece Amarilo e PlayPan Figa (Tanxugueiras); a curtametraxe de Rebordelos Augas Abisais, e o anuncio de  Metronoventa Creatividade e Produción Publicitaria Redes Vivas.

O presidente da Academia  Galega  do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, puxo en valor a Galicia como a terceira comunidade autónoma en produción audiovisual e pediu ao sector “coidar deste patrimonio” con respecto “para que traballar en Galicia sexa sinónimo de traballar lonxe da precariedade”.

Podes ver un resumo de todos os premios neste fío:

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar