O subcomité clínico descarta restricións duras e aposta por "vacinar, vacinar, e vacinar"
A ponte rompeu o teito dos 10.000 casos activos e moitos cidadáns pregúntanse xa se serán necesarias restricións con vistas ao Nadal
O equipo de asesores da Xunta esgrime os datos hospitalarios e defende a vacinación como estratexia
Vimos dunha ponte de movemento e reunións e saímos dela con 10.000 casos de covid, e imos cara a unha ponte de máis movemento e reunións. O temor ao suma e segue, a que a curva da covid se nos siga facendo costa arriba, fai pensar a algúns no regreso dunhas restricións que polo momento non están na axenda nin da Comisión estatal de Saúde Pública nin do equipo técnico que asesora a Xunta.
"Nin a nivel nacional nin en comunidades autónomas que duplican ou triplican a incidencia de Galicia se están a barallar restricións nos dereitos fundamentais cando existen outras ferramentas como seguir insistindo na vacinación e no certificado covid", explica Pilar Farjas.
A razón é que os parámetros de ocupación hospitalaria seguen sendo en Galicia de risco baixo.
Farjas fala ademais de indicadores como a razón de taxas que apuntarían a que o pico máximo estaría preto, e que os contaxios poderían comezar a desacelerase. Todo nun contexto de incerteza co que hai que convivir. Pero hai máis datos claros.
"A incidencia máxima dáse nos menores de doce anos, que é a poboación non vacinada, e a seguinte máis alta no grupo de 30 a 49, que podería ser o grupo de idade dos pais", explica a exconselleira e membro do subcomité clínico.
No caso dos maiores vacinados xa coa terceira dose -engade- danse as incidencias máis baixas, ata seis veces menores.
Por iso, vacinar os nenos e aumentar un pouco máis as taxas no grupo de idade dos pais, xunto co avance nas doses de reforzo aos maiores, poderían contribuír a partir da semana que vén a que a onda comezase a suavizarse.