Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os ladróns de casas cébanse no Deza: dous asaltos en dous días e a poucos quilómetros

Os ladróns de casas cébanse no Deza: dous asaltos en dous días e a poucos quilómetros

Son profesionais que actúan rápido, en casas baleiras ben seleccionadas, só en busca de cartos e ouro

Os donos dunha das casas viven en Cantabria e viron como os ladróns arramplaban con todo polas cámaras de seguridade 

G24.gal 06/03/2026 14:35

Caen uns, pero veñen outros, na mesma zona e coa mesma operativa. Os amigos do alleo non dan tregua no Deza.

"Roubáronlle a miña irmá, e por aquí están roubando moito. Roubaron en Goiás, aquí ao lado, e aí abaixo por Sella. Por aí andaron todo por Rodís e por todo", confirma o irmán dunha das vítimas. 

Van de casa en casa, de aldea en aldea. Unha das últimas vivendas asaltadas está en Pareizo, en Lalín. 

"Entráronlle polas ventás da terraza. Foi pasear as cadelas e en media hora revolvéronlle todo por dentro, os cuartos. Leváronlle o ouro que tiña e 250 euros", engade o home.

O día anterior, entraran nesta outra en Goiás, a menos de cinco minutos en coche. Tivérono fácil. Os donos traballan en Castro Urdiales. Viron os ladróns polas cámaras de seguridade. Eran tres persoas. 

Non dan puntada sen fío.

"Planifican o roubo, planifican a fuxida, planifican o método de acceso. Son moi silenciosos e son capaces de revolver todas as estancias da vivenda nun período de tempo curto", explica o Tenente Marcos, xefe da Brigada de Patrimonio da Garda Civil de Pontevedra.

Tamén lles levaron xoias e cartos. Coma en todas as casas nas que entran. En Agruchave, fixéronlle un auténtico estrago, tanto de cartos coma de ouro. Van ao que van. Non se complican.

"O ouro está a un prezo desorbitado. Unha cadea de ouro véndese agora a un prezo elevado. Entón, fan dano. Levaron obxectos de valor e cartos en efectivo", lamenta o tenente.

De pouco están valendo as cámaras nin tampouco os cans, aínda que quen máis quen menos protéxese. Os das alarmas non teñen parada.

"Viñeron hoxe á mañá e aquí hai que poñela porque tal e como andan", confesa o irmán da muller á que asaltaron.

"Non deixar á vista apeiros de labranza. É importante iluminar o exterior das vivendas, ter unha alarma e é importante pechar. Moi importante pechar. Non é coma antes", advirte Ricardo Iglesias, responsable do Equipo Roca da Garda Civil de Pontevedra.

Son profesionais. Moito. Na última operación, na Viporto, caeu unha banda de albaneses. Na anterior, na operación Loño, os detidos eran da casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade