Os gañadores do Premio San Clemente de novela reciben os seus galardóns nun acto en Santiago
As escritoras Ledicia Costas e Lídia Jorge, e o escritor Uclés recibiron este mércores en Santiago o XXIX Premio San Clemente de Novela
A cerimonia de entrega das distincións celebrouse no IES Plurilingüe Rosalía de Castro, en Santiago
A visita das persoas premiadas prevía distintas comparecencias ao longo deste mércores. A primeira delas foi unha charla co alumnado, pola mañá, seguida dunha conferencia de prensa e, finalmente, a entrega dos galardóns, ás 18.00 horas.
Uclés (Úbeda, Xaén, 1990), foi distinguido na categoría obra en castelán polo libro La península de las casas vacías. O escritor mostrou o seu cariño por Galicia e, concretamente, por Santiago, ao vivir na capital compostelá durante os seus anos de estudante.
"Estou cumprindo un pequeno soño", engadiu o escritor, antes de enxalzar o San Clemente como un dos premios "máis bonitos" porque goza dun "xurado real", "amplo" e que "representa un sector da poboación". "De repente, un séntese cunha palmadiña nas costas, cun apoio do futuro do país", resumiu o autor.