Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os familiares do Villa de Pitanxo confían nos peritos independentes para esclarecer as causas do naufraxio

Os familiares do Villa de Pitanxo confían nos peritos independentes para esclarecer as causas do naufraxio

"Toda a xente do mar sabe que un motor parado non provoca o afundimento dun buque", di a voceira das vítimas, María José de Pazo

Auguran que van aflorar novas irregularidades durante a investigación

G24.gal 16/12/2022 14:25

As familias das vítimas do Villa de Pitanxo encoméndanse á xustiza. Aseguran que, aínda que lenta, chegará ata o final para poñer luz sobre as circunstancias en que se produciu o accidente marítimo que deixou 21 mortos no afundimento do barco.

O informe de parte ao que tivo acceso a Televisión de Galicia analiza os datos proporcionados polos sistemas de información do barco e conclúe, con eles, que a causa do accidente foi a parada do motor e o conseguinte desgoberno do buque, en contra do que declarou un dos superviventes, o mariñeiro Samuel Koufie.

"Todo o mundo do mar sabe que porque se pare un motor non se afunde ningún barco, e non imos valorar, aínda que doen moitas declaracións, xa non como familiar senón como filla do meu pai", explica a voceira das familias, María José de Pazo. 

O seu pai era Francisco de Pazo, xefe de máquinas ao que se refire o patrón Enrique Padín na súa primeira declaración, tras ser rescatado do mar pola tripulación do Playa Menduíña Dous. Os membros desta embarcación declararon na Audiencia Nacional que o propio capitán do Villa de Pitanxo atribuíu a causa do afundimento ao embarre do aparello e cambiou despois a súa versión.
As familias das vítimas tamén cren que o atestado da Garda Civil é verosímil, en contra do que sostén o informe pericial da defensa de Padín.

De Pazo di que os axentes "fixeron un labor encomiable, e descoñecía que puxeran en dúbida o seu traballo, pero paréceme un grande erro".

As familias dos 21 falecidos lembran que co tempo van aflorando outras irregularidades, como o recoñecemento por parte da armadora do buque de que non notificaron por un "erro administrativo" que a bordo foi un mariñeiro doutro barco en tránsito ata Terra Nova. Agardan que a investigación xudicial permita coñecer aínda máis anomalías.

Dez meses despois do naufraxio do Villa de Pitanxo, a Audiencia Nacional continúa coa instrución. Esta semana designou como peritos xudiciais varios técnicos da Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade