Os expertos apoian reducir a 7 días a corentena dos casos leves ou asintomáticos de covid
Destacan os beneficios socioeconómicos da medida, que tamén contribuiría a descargar os centros de saúde
En Galicia, unhas 30.000 persoas estarían afectadas hoxe por esta redución do tempo de illamento
A redución do tempo da corentena que debaten esta tarde na Comisión Interterritorial de Saúde afectaría en Galicia uns 30.000 contaxiados, que están leves ou asintomáticos.
A maioría de expertos consideran que neses casos sería adecuado recortar de 10 a 7 os días de illamento domiciliario. Esgrimen dúas razóns: a entrada da variante ómicron semella que ten un período de transmisión máis breve e a evidencia de que na inmensa maioría dos casos a infección cursa agora con cadros máis leves e de máis curta duración. E explican que o efecto das vacinas fai que esta onda sexa moi diferente ás anteriores.
As cifras son elocuentes. As porcentaxes de hospitalización por covid, tanto en planta como na UCI, foron caendo coas sucesivas ondas a medida que se incorporaron as vacinas. Se na terceira onda, hai un ano, acababan no hospital 11 de cada 100 infectados, hoxe esa porcentaxe é pouco máis dun 1%.
"Na variante ómicron o período de incubación é máis breve, por iso podería ser razoable diminuír os días de corentena", engade Amós García Rojas, presidente da Asociación Española de Vacunoloxía.
"A min paréceme ben porque facilitaría o cumprimento e permitiría que os traballadores se incorporaran antes ao traballo, que tamén é importante para as empresas", explica o catedrático Juan Gestal.
Insisten en que a medida debe ser só para asintomáticos. Esta redución das corentenas, lembran, xa se aplica nos Estados Unidos e no Reino Unido; e xa está en sete días desde hai meses en países como Francia. Din que suporía unha descarga para Atención Primaria. E lembran que segue sendo imprescindible manter os protocolos e a observancia das restricións.