Os expertos aconsellan pasar ao mercado libre con tarifa fixa para aforrar na luz
O mercado regulado, con prezos que varían día a día, é agora prohibitivo
As grandes compañías fan agora mellores ofertas que as pequenas comercializadoras
Un cliente con tarifa PVCP, é dicir, prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor pagou unha factura de luz de máis de mil euros. O que chaman mercado regulado, en que o prezo do quilowatt varía cada hora e cada día. E sabemos que estas semanas houbo picos desproporcionados.
"Chegamos a picos estes días de case un euro cada quilowatt, cando no ano 2019 ou 2020 pagábase a dez ou once céntimos nunha casa. Estamos vendo facturas de 1.000 euros, 1.200, e aínda non chegou o pico máis alto", comenta Adrián Nieto, consultor enerxético
Cos prezos da enerxía disparados, e sen saber aínda onde está o teito, os consultores enerxéticos téñeno claro: hai que saír do mercado regulado, no que o prezo da luz varía cada día, e pasarse ao mercado libre, en que se pode pactar unha tarifa fixa durante un determinado período de tempo. E é aí onde as grandes compañías teñen vantaxe sobre as pequenas comercializadoras.
A clave está no pulmón económico que teñen as grandes, que son ademais xeradoras de enerxía, para ofertar prezos máis baixos sostidos no tempo. "17 céntimos as 24 horas do día, manténselle o prezo durante 36 meses e non ten permanencia. Agora mesmo é a mellor opción", asegura Adrián Nieto.
O recibo do mes de marzo recollerá prezos históricos da enerxía pola guerra en Ucraína. É o momento de revisar cal é a mellor opción para escapar do pesadelo.