Os EUA sopesan suspender as sancións ao petróleo iraniano que xa está embarcado
Washington calcula que son 140 millóns de barrís os que están cargados en buques
A medida "en esencia", din, supón "utilizar os barrís iranianos contra Irán"
Tamén valoran outra liberación "unilateral" de petróleo das reservas estratéxicas estadounidenses
Petroleiro atracado xunto a unha refinería en Texas. Reuters
O secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Scott Bessent, sostivo que o Executivo norteamericano baralla a opción de acabar coas sancións ao petróleo procedente de Irán que xa está cargado en buques, unha cantidade que roldaría os 140 millóns de barrís, para facer fronte á crise dos mercados enerxéticos ante un novo repunte dos prezos este xoves tras ataques cruzados contra infraestrutura enerxética en Oriente Próximo.
"Nos próximos días poderiamos levantar as sancións ao petróleo iraniano que se atopa na alta mar. Son uns 140 millóns de barrís, así que, dependendo de como se calcule, iso representa entre dez días e dúas semanas de subministración que os iranianos estiveran extraendo", declarou Bessent nun entrevista concedida á cadea Fox Business.
Para o secretario norteamericano, esta medida "en esencia" supón "utilizar os barrís iranianos contra Irán", unha decisión que xa tomaron a semana pasada co petróleo ruso xa embarcado e que ten como obxectivo introducir unha maior cantidade de barrís no mercado para que os prezos poidan moderarse "durante os próximos dez ou 14 días" mentres se continúa coa campaña en Oriente Próximo.
Os barrís iranianos tiñan como destino China, polo que o levantamento de sancións podería axudar a outros mercados, segundo o funcionario estadounidense.
Ademais, a Administración Trump estaría tamén valorando a posibilidade de realizar outra liberación de petróleo, de maneira "unilateral", das súas reservas estratéxicas para aliviar as tensións do mercado, despois de que o país norteamericano liberase 172 millóns de barrís en coordinación coa Axencia Internacional da Enerxía (AIE) para poñer no mercado un total 400 millóns de barrís.
Bessent volveu a pedir ao resto de países aliados que se unan nunha coalición que permita reabrir o estreito de Ormuz por onde ata o comezo da ofensiva en Irán circulaba ata unha quinta parte do petróleo mundial.