Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán ataca con mísiles a principal refinería israelí de petróleo, en Haifa

Irán ataca con mísiles a principal refinería israelí de petróleo, en Haifa

Ata o momento, non se reportaron vítimas no lugar

Columna de fume na refinería de Haifa, este xoves (Reuters) Columna de fume na refinería de Haifa, este xoves (Reuters)
G24.gal 19/03/2026 17:30

A refinería de petróleo de Haifa, a cidade máis importante do norte de Israel, sufriu danos este xoves tras o último ataque con mísiles lanzados desde Irán, segundo recollen varios medios locais, entre eles a cadea pública de Israel Kan.

"Quince equipos de bombeiros e rescate do Distrito Costeiro operan actualmente o lugar onde se detectaron fragmentos interceptados tras o último bombardeo", recolle un comunicado do Servizo de Bombeiros de Israel.

Ata o momento, non se reportaron vítimas no lugar, informou o servizo de emerxencias israelí Magen David Adom (MDA).

Israelís consultados por EFE reportaron apagamentos tras o ataque contra a refinería, mentres que en imaxes difundidas por medios israelís obsérvase unha enorme columna de fume na refinería da norteña cidade.

O ministerio de Enerxía de Israel, Eli Cohen, en declaracións recollidas por medios israelís, indicou que "o ataque non causou danos significativos á infraestrutura", e agregou que os equipos da Corporación Eléctrica de Israel xa están a traballar para restablecer a subministración eléctrica aos afectados.

"Neste momento, están a investigarse as circunstancias do incidente", indicou o ministro israelí quen asegurou á prensa local que se está dirixindo cara á refinería.

O pasado domingo, 1 de marzo, a Garda Revolucionaria de Irán reivindicou atacar esta refinería en novos bombardeos con mísiles, aínda que o Goberno de Israel nunca chegou a confirmalo.

O certo é que esta infraestrutura de Haifa, a maior instalación deste tipo en Israel, xa suspendeu as súas operacións de forma programada durante a chamada guerra dos doce días de xuño de 2025, cando Israel e logo Estados Unidos lanzaron unha campaña de bombardeos sobre Irán, que foi respondida con ataques de Teherán contra territorio israelí.

A situación no norte de Israel é máis complicada que no resto do país posto que ademais de sufrir os ataques de Irán tamén a milicia xiíta libanesa, Hezbollah, nestes últimos días intensificou os seus bombardeos contra esa zona. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade