Os Estados Unidos rexistran un millón de contaxios diarios, a cifra máis alta da pandemia
As autoridades sanitarias comunicaron ademais 1.688 mortes en 24 horas
A variante ómicron continúa espallándose, especialmente nos Estados Unidos, que acaba de notificar un millón de contaxios diarios, a cifra máis alta rexistrada por un país desde o inicio da pandemia. As autoridades sanitarias comunicaron ademais 1.688 mortes en 24 horas. Nos últimos sete días, 9.000 defuncións.
Ante estas cifras, o presidente estadounidense ordenou duplicar a encarga de pastillas contra a covid fabricadas por Pfizer. Joe Biden pediu non alarmarse, sobre todo aos que estean vacinados, matizou. Nos Estados Unidos só o 62 % da poboación ten as dúas doses da vacina.
Vacinar a todos é a estratexia que tamén quere seguir o presidente francés para combater a pandemia. Custe o que custe. Di Emmanuel Macron que está disposto a facerlles a vida imposible aos non vacinados.
Asegurou literalmente que vai amolalos e complicarlles a vida ata que se vacinen. Desde o 15 de xaneiro, non poderán entrar nun restaurante, nin tomar unha copa, nin ir ao cine. Só con pasaporte covid.
Cinco millóns de cidadáns franceses están sen vacinar, nun país que acaba de notificar 271.000 contaxios nun día.
Nesas cifras tamén se move O Reino Unido, 218.000 rexistrou onte, unha cifra diaria nunca alcanzada durante a pandemia. O país leva semanas encadeando récords de contaxios, sobre todo da variante ómicron. O primeiro ministro, Boris Johnson, non contempla novas medidas, avoga por seguir coas restricións do chamado plan B.
Esas medidas inclúen o uso obrigatorio de máscara, teletraballo e certificado de vacinación para acceder a algunhas instalacións.