Os doentes de ELA poderán pedir a semana que vén a axuda da Xunta de 12.000 euros
A axuda ten carácter retroactivo dende xaneiro
Os enfermos de ELA poderán solicitar a partir da vindeira semana as axudas aprobadas pola Xunta para persoas que padecen esta doenza que non ten cura e é altamente incapacitante. Recibirán 12.000 euros anuais con carácter retroactivo dende xaneiro.
En Galicia hai máis de 250 persoas con esclerose lateral amiotrófica, ELA, e diagnostícanse cada ano 30 novos casos. En pouco tempo pasan a ser grandes dependentes, e para darlles un apoio áxil a Xunta aprobou este xoves esa axuda para pagar gastos de coidados ou rehabilitación ou adaptar a vivenda ou o vehículo.
"Somos conscientes dos gastos destes enfermos e de todas as circunstancias que rodean esta enfermidade tremenda", dixo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que destacou tamén que é unha medida "pioneira" en España.
Tamén en materia sanitaria, Rueda anunciou un investimento de 4,5 millóns para comprar 443 estacións de quirófanos de última tecnoloxía para practicamente todos os hospitais galegos. Son as salas onde os sanitarios consultan o historial ou ven as imaxes durante unha operación.